Telegram abre as videochamadas en grupo a un número ilimitado de espectadores

mércores, 1 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Celebrando os 8 anos de Telegram chegan á versión 8.0 da ferramenta de mensaxería que como importante novidade inclúe a posibilidade de realizar videochamadas grupais sen límite de espectadores, ou sexa, que as videochamadas en grupo e as canles de Telegram poden converterse nunha especie de emisoras de televisión de alcance global, con vantaxe de que os espectadores poden levantar a man para solicitar unirse á retransmisión se reciben permiso.
Outra novidade de Telegram 8.0 é o reenvío flexible, de xeito que cando desexemos reenviar unha mensaxe contaremos con varias opcións de personalización para controlar como se verán as mensaxes reenviadas antes de mandalas.
Para facilitar o consumo de contidos de canles de Telegram tamén teremos agora a opción de deslizar cara arriba para pasar á vindeira canle sen ler cando rematemos de ler unha canle en concreto, realizando a acción na orde que teñamos establecida.
Ante o uso intensivo que se está a facer dos adhesivos en Telegram, agora cando queiramos publicar un teremos unha sección de stickers destacados, que figuran sobre os adhesivos recentes, e facilitando que gardemos o lote destes adhesivos para utilizalos no futuro. Telegram tamén inclúe un novo texto de estado, de xeito que ao igual que se indica cando unha persoa está escribindo ou gravando unha mensaxe de voz, agora poderemos ver se está a escoller un adhesivo.
As canles que teñen activados os comentarios nas súas publicacións tamén terán un contador de comentarios sen ler.

PUBLICIDADE