Telegram permite enviar imaxes e vídeos que se autodestrúen

luns, 24 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Os dispositivos con Android e iOS están a recibir a actualización á versión 4.2 de Telegram, ferramenta de mensaxería instantánea que presenta un redeseño das súas ferramentas de edición de fotografías, aínda que o que máis está a chamar a atención das novidades é a posibilidade de que ás imaxes (é aos vídeos) pode engadírselle un temporizador de autodestrución cando se comparten en conversas privadas.
Cando se comparte un contido con temporizador (para o que hai que premer a icona do reloxo na vista previa de multimedia para activalo) unha vez que se abre a fotografía ou o vídeo iníciase unha conta atrás tras a que o vídeo e a fotografía desaparece para sempre na liña de como funcionan os Chats Secretos e, no caso de que o receptor tome unha captura de pantalla, o emisor recibirá un aviso.
A versión 4.2 de Telegram tamén engade unha biografía (en Axustes) para facilitar que nos grupos a xente poidan identificar aos usuarios, estréase unha rede distribuída (CDN) para acelerar as descargas de contido, e ao engadir adhesivos tamén será posible expandir verticalmente o panel cos adhesivos dispoñibles para facilitar a súa exploración.

Nas conversas privadas é posible engadir un temporizador aos contidos multimedia para fixar a súa lonxevidade dende a súa apertura

PUBLICIDADE