The Sun declara a guerra á Nintendo 3DS

mércores, 6 de abril do 2011 Marcus Fernández

O sensacionalismo de boa parte da prensa británica parece quere cebarse na Nintendo 3DS, pois o diario The Sun está a publicar distintas informacións nas que culpan á nova consola portátil de provocar mareos e náuseas e mesmo de incrementar a tensión arterial.
The Sun asegura que hai milleiros de usuarios con molestias e mareos causados pola 3DS, o que ocasionou uns niveis record de devolución das consolas, o que non parece axustarse en absoluto á realidade, e dende Nintendo desmenten tal información, asegurando que a aceptación da nova portátil está a ser magnífica, mentres que o número de devolucións está por debaixo da medida dos produtos de electrónica de consumo.
Para intentar xustificar esta guerra contra a 3DS, The Sun publica un experimento pseudo-científico no que un home de 22 anos probou a consola en distintos períodos nos que unha doutora controláballe a tensión arterial, para dar a entender que a tensión e o pulso incrementábase canto maiores eran os períodos de xogo, e incluso destacábase que provocaba náuseas de usarse a consola viaxando en coche, pero nas probas omítense detalles como a regulación do nivel de 3D da consola (que debe axustarse a cada individuo) ou a experiencia con outras consolas portátiles, pois parece deducirse que é o tamaño da pantalla o que provoca os esforzos rexistrados (o que terían en común o resto de plataformas portátiles, e non tería nada que ver coas 3D) e o feito de utilizar unha consola durante unha viaxe en coche é unha experiencia moi persoal (a meirande parte da xente tampouco sería capaz de ler un libro en marcha).
Lembramos que antes da adquisición da Nintendo 3DS é posible probar a súa experiencia en moitos establecementos comerciais, e un uso moderado dos videoxogos está recomendado e todos os casos (tanto en plataformas portátiles como domésticas), polo que demonizar a 3DS non parece ter máis sentido que querer crear polémica.