The Witcher IV terá unha protagonista feminina

venres, 13 de decembro do 2024 Marcus Fernández

A gala de entrega dos The Game Awards é unha boa mostra de que os premios neste tipo de eventos non son máis que unha desculpa para organizar un evento que capte a atención do público para a realización de numerosos anuncios do sector, e a pasada noite non foi a excepción, xa que houbo moreas de anuncios relevantes, destacando especialmente o tráiler de presentación de The Witcher IV.
CD Projekt Red anunciara xa en 2020 que estaba a traballar en The Witcher IV, deixando caer que o protagonista non sería Geralt de Rivia, e durante todo este tempo non achegaron detalles sobre este xogo máis aló de que estaría a ser desenvolvido con Unreal Engine 5, polo que prometía un importante salto gráfico. Finalmente temos o agardado tráiler do cinemático do xogo, que dá inicio a unha nova saga como xogo de rol de mundo aberto para un xogador, desvelando que estará protagonizado por Ciri, personaxe moi coñecido polos seareiros da obra literaria de Andrzej Sapkowski, que preséntase agora como unha cazadora profesional de monstros que percorrer o seu propio camiño sen o amparo de Geralt. O uso do novo motor gráfico tamén deixa ver o ambicioso que será The Witcher IV, un dos xogos máis agardados da presente xeración de consolas, do que aínda non temos previsión dunha data de lanzamento, polo que é de esperar que durante 2025 vaian a dosificar a información relativa ao vindeiro éxito de CD Projekt Red.

Vídeo de presentación de The Witcher IV