Tinder mellora a súa seguridade

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

As aplicacións móbiles de citas teñen moitos problemas de seguridade, e para mellorar esta situación dende Tinder están a estrear un sistema de verificación fotográfica (para confirmar que a persoa detrás dun perfil é quen di ser) e tamén unha función de chamada aos servizos de emerxencia.
O sistema de vferificación fotográfica requirirá que os usuarios realicen selfies en tempo real que encaixen coas fotografías publicadas na aplicación, para que o equipo de Tinder poida verificar que o perfil é verídico e así incluírlle unha marca de verificación de cor azul, de xeito semellante ao que acontece cos perfís verificados noutras redes sociais. Deste xeito preténdese loitar contra certos enganos bastante frecuentes.
Tinder tamén chegou a un acordo coa aplicación de seguridade Noonlight, só operativa en EE.UU., pero que servirá como centro de seguridade para as citas concertadas a través da Internet, de xeito que poderase rexistrar quen queda con quen e cando, para maior tranquilidade dos involucrados, e coa posibilidade de chamar aos servizos de emerxencia de xeito doado.
Resulta curioso que para protexer aos seus usuarios Tinder optase por asociarse cun servizo externo, en vez de operar directamente.

PUBLICIDADE