Toshiba dá a coñecer o seu reprodutor Blu-ray

venres, 4 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Que Toshiba lance un reprodutor de DVD de alta definición non é noticia, pero que o faga seguindo a tecnoloxía Blu-ray si que o é. En boa medida, porque se facemos memoria este foi o formato que presentou hai uns poucos anos Sony para facerlle a competencia –precisamente- a Toshiba, que concorreu naquel intre no mercado coa súa tecnoloxía HD DVD, o seu as por baixo da manga. O caso é que esta tivo que ficar logo no camiño, sobre todo porque o número de amizades de Sony resultou ser algo máis extenso có de Toshiba, e cando falamos de amizades falamos neste caso de estudos de Hollywood, compañías cinematográficas de distribución e demais. Volvendo ao que nos ocupa, a presentación do reprodutor Blu-ray da casa Toshiba, dicir que esta celebrouse esta semana na feira de tecnoloxía IFA de Berlín, e que o aparello en cuestión ten un deses nomes que non hai quen lembre: BDX2000.
A decisión da compañía por adoptar este formato vén dada, ao seu xuízo, como resultado dun xogo limpo ao que cómpre ir adaptándose. E tanto que é así: o reprodutor, que chegará antes de final de ano ao mercado europeo (en Estados Unidos custará 250 dólares), inclúe en palabras da empresa unha calidade de imaxe, un deseño e unhas prestacións moi difíciles de atopar en calquera outra proposta. Polo que respecta ás súas características, dicir que é compatible con resolución 1080p e 24 fps e que inclúe o estándar Blu-ray Disc 2.0, o que lle posibilita ao usuario o acceso as revisións de software e todo tipo de material audiovisual e interactivo que poida estar dispoñible a través da Rede.