Transmission volve distribuírse infectado con malware

martes, 30 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de marzo o popular cliente de BitTorrent para macOS Transmission distribuíu unha versión infectada de si mesmo que incluía un ransomware que tería sido freado tras afectar a uns 6.500 equipos, pero creando unha grande preocupación, xa que a copia afectada da aplicación chegaba da súa páxina web oficial, e agora a historia repítese, e dende ESET dan conta de que o malware OSX/Keydnap estaría a distribuírse a través de Transmission, aínda que unha vez máis os responsables da aplicación eliminaron rapidamente as copias infectadas dos seus servidores pero, pese á rápida reacción, o feito de que a aplicación padecese dúas ameazas de seguridade tan graves no mesmo ano fai dubidar seriamente do protocolo de seguridade que teñen para a distribución dos ficheiros executables da aplicación.
Polo momento é difícil saber cantos equipos foron afectados por esta ameaza informática, pero a preocupación por malware como OSX/Keydnap é grande, xa que esta ameaza dedícase a roubar credenciais dos usuarios e abre unha porta traseira nos equipos infectados, polo que sería moi perigoso, deixando claro que os Mac son tan vulnerables como calquera outro equipo ante ameazas que consigan introducirse disfrazadas de aplicacións lexítimas.
Esta situación pode verse de dous xeitos diferentes: por unha banda temos que o malware en cuestión era coñecido, polo que o software de seguridade informática é capaz de bloquealo; pero por outro lado temos que o xeito de coarse nos servidores de Transmission parece ser o mesmo que hai uns meses, o que claramente mina a confianza dos usuarios nesta ferramenta tan popular.