Tuenti estrea aplicación para Windows Phone sen esquecer o galego

luns, 1 de abril do 2013 Marcus Fernández

Tras moitos meses de espera, finalmente Tuenti estrea aplicación para Windows Phone, que non só está dispoñible para as versións 7.5 e 8 do sistema operativo de Microsoft, senón que tamén é das poucas ferramentas para tal plataforma que pode empregarse en galego.
A aplicación móbil achega a rede social de Tuenti aos móbiles con Windows Phone, así como o seu servizo de mensaxería instantánea, permitindo mandar mensaxes de chat de balde a través da Internet e compartir fotografías e momentos coas nosas amizades (un dos detalles nos que inciden moito nesta plataforma, a privacidade) dun xeito doado e áxil.
A nova aplicación está moi ben adaptada á interface de Windows Phone, estruturando a información en 3 pantallas: Chat (onde pódese conversar con outros usuarios), Intres (onde podemos ver o que comparten os nosos amigos) e Ti (cos nosos intres compartidos). A ferramenta tamén conta cunhas seccións a xeito de notificacións que serían Xente (mensaxes recibidas e aínda non lidas) e Contido (novos intres dos nosos amigos que aínda non vimos).
Cómpre destacar que estamos ante a primeira versión pública desta aplicación, polo que aínda presenta moitas carencias, como só contar con 2 tamaños de baldosa e carecer de soporte para eventos e para chats e grupo, así como outras eivas presentes noutras aplicacións móbiles de Tuenti, que é de agardar que vaian salvándose nos vindeiros meses, en vista da importancia que dende Tuenti dan ao contorno móbil.

A nova aplicación móbil de Tuenti para Windows Phone está dispoñible en galego

PUBLICIDADE