Twitter Spaces xa é oficial en iOS e en abril completará a súa chegada a Android

xoves, 11 de marzo do 2021 Marcus Fernández

A semana pasada o servizo de salas de voz de Twitter Spaces chegou a Android de xeito parcial e en probas, deixando claras as intencións da compañías de Jack Dorsey de adiantarse a Clubhouse na súa expansión para así poder adoptar unha posición líder no emerxente mercado do audio social, e agora dan un paso adiante máis que decidido, xa que na última actualización de Twitter para iPhone incorporan oficialmente a funcións Salas, ou sexa, que abren Twitter Spaces a todos os usuarios de iOS, de xeito que non é preciso participar no programa de probas para poder abrir unha sala de audio e así poder conversar con voz dentro de Twitter para móbiles.
Polo momento os usuarios de Android non poden abrir salas, pero si poden participar nas que abran os usuarios de iOS, aínda que cómpre salientar que Twitter Spaces está a recibir novidades en Android varias veces á semana, sendo un desenvolvemento moi vivo, que está previsto que no mes de abril complete o obxectivo de ofrecer todas as súas prestacións para usuarios de Android e así facilitar que calquera usuario poida abrir salas dende o seu móbil.
O rápido espallamento de Twitter Spaces podería eclipsar totalmente a Clubhouse, aplicación de salas de voz que polo momento limítase a iOS e só está accesible mediante invitación, polo que ten un número de usuarios moi reducido e tería moi complicado competir con Twitter, tanto pola base de usuarios co que conta a aplicación como co ritmo de desenvolvemento que está a tomar, xa que están a introducir modificacións no servizo a grande velocidade, reaccionando aos comentarios dos usuarios e adaptándose ás súas necesidades. Entre as funcións nas que están a traballar dende Spaces están a co-moderación de salas, a posibilidade de achegar propinas e a programación de salas, polo que en poucas semanas podería converterse nunha plataforma moi interesante que servirá para comprobar a demanda real do audio social.

JPEG - 81.2 KB
Entre as grandes vantaxes que teñen as salas de voz de Twitter é que parten dunha plataforma social cunha base de usuarios moi grande dende a que chegar a un amplo público

PUBLICIDADE