Twitter renova a súa aplicación para Windows Phone

mércores, 9 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A aplicación oficial de Twitter para Windows Phone chega á versión 3.0, o que supón unha importante renovación desta aplicación móbil que facilita o seguimento en tempo real de historias, fotografías, vídeos e conversas que teñen lugar en Twititer, permitindo incluso a configuración de varias contas de usuarios e a aplicación de filtros ás imaxes antes de compartilas, e que agora está mellor integrada no sistema operativo móbil de Microsoft, ao permitir que poida configurarse na pantalla de bloqueo do dispositivo (na que agora poden aparecer chíos e fotografías antes de desbloquear o terminal, animando esta pantalla) e incrementa as opcións de configuración de notificacións (permite recibir notificacións de varias contas podendo elixir, por exemplo, se queremos recibir todas as mencións ou só as de persoas que sigamos).
Outras novidades que presenta a aplicación é o soporte de ata 54 linguaxes dende as que poder efectuar traducións valéndonos da tecnoloxía de Bing (ao abrir o detalle dun chío procederase á súa tradución agás que estea na nosa lingua ou nalgunha outra lingua que indiquemos que non queremos traducir), fai máis áxil a realización de buscas, mellora a sección de Descubrimento (na que podemos atopar información relevante, e na que agora tamén veremos fotografías, vídeos e contas, e non só chíos) e incorpórase tamén a posibilidade de configurar a aplicación para o seu uso cunha cor de fondo escura.

A nova versión de Twitter permite amosar contidos na pantalla de desbloqueo do móbil