UCGAL considera insuficiente a compensación de R aos seus clientes pola incidencia do 23 de decembro

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A finais do mes de decembro a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) denunciou a R ante o Instituto Galego de Consumo pola masiva incidencia que deixou sen servizo de voz e/ou datos a centos de milleiros de usuarios durante preto dun día, e agora que a compañía de telecomunicacións inicia o pagamento das compensacións económicas aos seus usuarios, que segundo un compromiso adquirido por R sería de cinco veces o prezo do servizo durante o tempo no que non se subministrou, a UCGAL considera que hai erros no sistema de compensación e así o notificará ao Instituto Galego de Consumo.
Nas facturas que está a remitir R aplícase un desconto por liña móbil que vai de 1,10 a 4,12 euros segundo a tarifa contratada, pero dende UCGAL aseguran que tardouse un 50% máis de tempo en establecer o servizo de datos que o de voz, polo que non tería sentido que na factura desconten a mesma cantidade en ambos conceptos.

Miguel López, secretario de UCGAL, declarando ante as cámaras da TVG

Miguel López Crespo, secretario da Unión de Consumidores de Galicia, considera que nas novas facturas de R a indemnización correspondente aos fallos no servizo de datos «debería ser un 50% superior» á do servizo de voz, engadindo que «moitos consumidores tiveron mesmo que esperar até o luns seguinte para poder reactivar os seus terminais, os seus equipos (tablets, smartphones...) xa que en moitos casos foi precisa a asistencia técnica do operador».
Dende a asociación de defensa dos consumidores tamén chaman a reflexionar sobre a reducida indemnización, como podemos entender en casos como o de «persoas que poidan precisar o servizo móbil para servizos de teleasistencia, ou mesmo cando falamos de persoas que necesiten coidadores; ou que teñan que ter unha especial vixilancia sobre determinados membros vulnerables da familia. Dende logo falar de compensacións de 1 euro ou 50-60 céntimos parece que resultan ridículas». Demandan así unha renovación da normativa do 2009, que non parece protexer debidamente ao consumidor de servizos de telecomunicación.

Nas novas facturas de R figura a mesma compensación pola incidencia de voz que pola incidencia de datos, aínda que a súa duración foi moi diferente.

PUBLICIDADE