Un blogueiro de viaxes e o director de comunicación do Dépor protagonizarán o vindeiro Coruña Bloggers

luns, 16 de abril do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro 25 de abril celebrarase na Fundación Barrié da Coruña a XVII edición do encontro Coruña Bloggers, que desta volta terá lugar nunha sala do primeiro andar do insigne edificio herculino, o que supón unha limitación de aforo, de xeito que os interesados en acudir a esta cita que comezará ás 19:30 horas deberán bulir para facerse cunha das 100 invitacións que estarán dispoñibles. Como en anteriores ocasións, prégase aos asistentes que acudan cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros que entregaranse á Cociña Económica local.
O primeiro relator da xornada será o blogueiro de viaxes Luís Gago, de Destino Ikigai, quen percorre o mundo como fotógrafo de viaxes dende hai 6 anos, e explicará aos asistentes como financiar unha viaxe grazas a un blog, explicando como é posible reducir o maior gasto que supón viaxar (o aloxamento) grazas a colaboracións con empresas. Gago pretende desbotar certos mitos sobre os contidos patrocinados nun blog, asegurando que en poucas semanas é posible obter rendibilidade dun blog e pasar a vivir como un nómade dixital.
Tamén participará no encontro o director de comunicación do R.C. Deportivo de A Coruña, Gabriel Barrós, quen afondará nas posibilidades do contorno dixital na difusión dos valores de marca e nas relacións cos seareiros e con outras marcas. Tamén abordará a importancia dos sinais de identidade de seu na comunicación como elemento diferenciador coa competencia e como ligazón cos afeccionados.

PUBLICIDADE