Un complemento permite publicar en WordPress os traballos colaborativos feitos en Google Docs

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Para elaborar informes profesionais ou traballos para a escola é moi frecuente que os equipos empreguen ferramentas como Google Docs, servizo que conta con funcións de edición colaborativa en tempo real, facendo moi doado que varias persoas traballen simultaneamente co mesmo documento, o que quixeron aproveitar dende Automattic para lanzar un complemento que facilite que os documentos elaborados poidan publicarse na web dun xeito áxil e preciso, que evite os problemas que poden xurdir ao copiar e pegar un documento (xa que no proceso pode perderse moita información, como as imaxes adxuntas e certos elementos de formato de texto).
Este engadido para Google Docs é compatible tanto con blogs en WordPress.com como para instalacións independentes de WordPress que fagan uso de Jetpack e o seu funcionamento é tan sinxelo como instalar o complemento para Google Docs a través da súa tenda dixital e cando teñamos o documento a publicar elaborado, ir ao menú de Add-ons e elixir WordPress.com for Google Docs, o que abrirá unha barra lateral na que podemos ver unha listaxe dos nosos blogs cun botón para gravar un borrador no que desexemos. Así podemos mandar o documento colaborativo a un blog, para logo darlle os toques finais no editor de WordPress antes da súa publicación.

PUBLICIDADE