Un congreso en Santiago analizará este venres o valor das TIC na inserción laboral de discapacitados
martes, 15 de abril do 2008
As novas tecnoloxías da información, se cadra máis que calquera outra porta de acceso, poden dar tantas oportunidades de inserción laboral como atrancos. Todo depende de entender o seguinte: non todos temos porqué ver o mesmo tamaño de letra, empregar o mesmo rato ou teclear no mesmo teclado. Sobre todo, se o que está en xogo é algo tan valioso como a información e, polo tanto, as posibilidades de acadar un posto de traballo. Avaliar todo isto e procurar novos xeitos de botar abaixo as barreiras (neste caso, as virtuais) é o obxectivo das II Xornadas sobre Emprego e Discapacidade Intelectual.
A cita será este venres 18, na Escola Galega de Administración Pública de Santiago, e está prevista a participación de representantes de institucións (a Xunta, o Concello de Santiago), empresas (Banco Popular, Caja España) ou entidades sen arela de lucro (FADEMGA FEAPS Galicia).
Un dos grandes obxectivos das xornadas (amais do devandito) é continuar coa información achegada na anterior edición celebrada en abril de 2007.
Ata o día de hoxe hai rexistradas unhas 120 inscricións de máis de 28 asociacións diferentes, entre elas, FAXPC (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia), CIG, AFEXDI (Asociación de Formación e Emprego de Xóvenes Discapacitados), Concello de Boiro, Concello de Arzúa, UGT, AFEM (Asociación FEAPS para o Emprego) ou a Fundación ADCOR; así como varias das 41 asociacións federadas a FADEMGA FEAPS GALICIA.
Relatores de renome
Nestas xornadas participarán expertos como Borja Jordán de Urríes, representante da Universidade de Salamanca (INICO); Javier Alonso, xefe de Servizo de Apoio a Emprendedores da Consellería de Traballo; Nuria García Gabaldón, directora de AFEM (Asociación FEAPS para o Emprego de Persoas con Discapacidade); José Manuel Portalo Prada, responsable do Departamento de Calidade de Amadip Esment, Baleares; Carmen Brea Iglesias, secretaria de Servizos Sociais e Política de Igualdade; Domingo Barros Montáns, secretario da Formación de Emprego da UXT e Alexandre Lago Portela, interlocutor da CIG ante os traballadores con discapacidade.
Tamén participarán Elena Díaz Martínez, directora do Proyecto Ciudadano, FEAPS Murcia, Manuel Milla Morante, xefe de RRHH e Beatriz González Rodríguez, adxunta do director do Centro Especial de Emprego APTA SL Gijón e finalmente, Txema Franco, director xeral da Fundación Lantegui Batuak, Euzkadi.
Os verdadeiros protagonistas
Segundo informa Ana Valín, responsable de comunicación de FADEMGA FEAPS Galicia, tamén falarán neste encontro os “auténticos protagonistas do mesmo, empresarios e persoas con discapacidade intelectual que xa se poden ao fin chamar empregados”. Así intervirán, Vidal Cotón, xerente de Ute-Arcade Inforhouse (empresa da que xa falamos nesta web), Santiago de Compostela; Mercedes Blanco Ramos, irmá dunha persoa con discapacidade intelectual, demandante de emprego; Miguel Pantín Sanesteban, opositor e traballador en Recinor e Alejandro Carballo Vilas, traballador en Copynino, Santiago de Compostela.
