Un galego no evento de presentación dos novos Apple Watch e iPad

martes, 15 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Tim Cook citou a Enrique Varela Couceiro como un exemplo de aproveitamento do Apple Watch por parte dun invidente.

O evento de Apple de hoxe comezou con Tim Cook anunciando que se centraría en dous produtos (o iPad e o Apple Watch) e ao comezar a falar das bondades do reloxo da compañía de Cupertino, sorprenden citando entre os exemplos de uso ao galego Enrique Varela «quen é invidente e emprega o seu reloxo para todo, dende coñecer a hora e lembrarse as súas citas até chamar a taxis e axudalos a manterse en forma. Para Enrique o seu Apple Watch converteuse nunha parte esencial da súa vida diaria».
Ver a un galego nunha presentación de Apple pode resultar rechamante, pero se atendemos á traxectoria de Enrique Varela non o sería tanto, xa que falamos dun profesional do sector tecnolóxico moi centrado na accesibilidade, que ten traballado para a Fundación ONCE, participado en proxectos como TTT SocialCenter, coordinado o proxecto El Camino de los Satélites, así como tamén preside a Fundación Tecnoloxía Social (Funteso), de xeito que a súa mención nunha presentación internacional pode verse como un recoñecemento a este esforzo a longo prazo para derrubar barreiras a través da tecnoloxía.

Vídeo do evento de hoxe

Apple Watch Series 6

A nova xeración do Apple Watch podería considerarse como a parte central do evento de hoxe, cun Apple Watch Series 6 que quixo destacar unha vez máis o seu potencial para o campo da saúde e o benestar, para o que incorpora novas prestacións como un medidor do nivel de osíxeno en sangue, monitorización do sono, detección de lavado de mans automático e altímetro, aínda que algunha destas vantaxes sexan basicamente de software, xa que están incluídas en watchOS 7, sistema operativo que ao incorporar a función de Configuración Familiar permite que usuarios que non teñan iPhone poidan gozar dun Apple Watch, co que buscan que cativos ou persoas maiores poidan estar conectados e monitorizados, gañando así eles autonomía, mentres que o resto da familia pode ter certa tranquilidade.
No que se refire á medición do nivel de osíxeno en sangue, está funcionalidade está presente en moitos reloxos deportivos, pero Apple quere aproveitar os datos recollidos para participar en distintos estudos de investigación nos EE.UU. que aproveitan certa información para, por exemplo, axudar a controlar a asma, e tamén confían en que a combinación dos datos de ritmo cardíaco e osíxeno en sangue poidan servir para a detección temperá de enfermidades como a gripe e a COVID-19.
O Apple Watch Series 6 mellora un 20% o seu rendemento fronte á xeración anterior de reloxos, integra un chip U1 que podería facilitar a súa localización (ou o seu uso como chave dixital dun vehículo) e conta cunha autonomía de até 18 horas, aínda que tamén cómpre salientar que o reloxo inclúe cable de carga, pero non adaptador de corrente, no que semella que vai convertese nalgo habitual nos produtos de Apple, e que a moitos sorprenderá xa que falamos dun reloxo que parte dun prezo de 429 euros (con versións que superan os 800 euros).

Vídeo promocional do Apple Watch Series 6

Apple Watch SE

O feito de que agora sexa posible gozar dun Apple Watch sen ter un iPhone parece ser un dos principais motivos para lanzar unha versión económica do reloxo, o Apple Watch SE, que contaría co mesmo acelerómetro, xiroscopio e altímetro que o Series 6, pero carecería das funcións de medición de osíxeno en sangue e electrocardiograma. Temos así un reloxo que podería empregarse para o rexistro da actividade física, para a reprodución musical, para realizar chamadas telefónicas, para controlar o sono e incluso para detectar caídas ou realizar chamadas de emerxencia, que grazas á redución de prestacións conseguiu reducir o seu prezo de entrada até os 299 euros, medida que probablemente contribuirá á popularización deste accesorio na mesma liña do que acontece co iPhone SE.

Novo iPad

O iPad básico chega á súa 8ª xeración, agora con pantalla de 10,9 polgadas e un procesador A12 Bionic con Neural Engine que cun prezo que parte dos 379 euros continúa a ser un dos grandes referentes no mundo das tabletas, podendo presumir agora dunha potencia renovada, e que tamén pode completarse cun Apple Pencil (para tomar notas ou realizar bosquexos) e cun Smart Keyboard (para tarefas de produtividade).
Apple considera que é unha tableta ideal para contornos educativos, aínda que o certo é que resulta máis que dabondo para a meirande parte de consumidores, pois o feito de que o seu deseño poida parecer anticuado non afecta ao seu desempeño, que é magnífico.

iPad Air

Pero a tableta de Apple que captou máis atención no evento de hoxe foi o iPad Air, que parte dun prezo de 649 euros (o que supón unha suba de prezo de 100 euros fronte ao ano pasado), o que permítelle recortar distancias fronte ao iPad Pro, de xeito que podemos velo como a tableta coa mellor relación prezo-prestacións de Apple.
O novo iPad Air chega cunha pantalla de 10,9 polgadas con marcos bastante reducidos, cámara traseira de 12 Mpíxeles, unha nova xeración de sensor de Touch ID (integrado agora no botón de acendido superior) e un potente procesador A14 Bionic, que de equiparse con accesorios como o Apple Pencil (que pode engancharse magneticamente a un dos seus laterais) ou o Smart Keyboard, pode chegar a converterse n toda unha ameaza para moitos ordenadores portátiles, especialmente para tarefas como a edición de vídeo en 4K e outros traballos multimedia.
Un detalle moi de agradecer é que o iPad Air ten un porto USB-C con velocidades de transferencia de até 5 Gbps, que abre moitas posibilidades a esta tableta, como a posibilidade de empregar unidades de almacenamento externas ou monitores externos até 4K.
Poderiamos dicir que o iPad Air converteuse nunha versión reducida do iPad Pro, que basicamente diferenciaríanse en pantalla, cámaras, número de altofalantes e configuración máxima, facendo bastante complicado ao consumidor a elección entre unha tableta e outra, xa que a diferenza de prezo é inferior que en anos anteriores.

Vídeo de presentación do novo iPad Air

PUBLICIDADE