Un truco permite intercambiar ficheiros co Zune sen DRM

luns, 27 de novembro do 2006 Marcus Fernández

O novo reprodutor multimedia de Microsoft, o Zune, está a recibir críticas polas súas limitacións, xa que non permitía o seu uso coma disco duro externo para o ordenador e engadía restricións de uso nos ficheiros intercambiados con outros reprodutores mediante Wi-Fi, e antes de que alguén realice unha versión do firmware que corrixa estes problemas xa aparecen na Rede trucos para poder sacarlle máis partido ó reprodutor, pese a que resultan sumamente rudimentarios.
Así, xa publicaron un truco un tanto complexo que permitía o uso do Zune coma disco duro externo, para poder gardar no mesmo tódolos ficheiros que desexemos, pero o que resultou sumamente abraiante foi o burdo sistema empregado para compartir documentos mediante Wi-Fi evitando o sistema DRM que incorpora automaticamente o Zune: renomear os ficheiros a compartir cambiando a súa extensión a JPG, ou sexa, suplantando unha imaxe, de xeito que ó compartila non se manipula de ningún xeito.
O truco precisa que os usuarios do Zune poidan empregar o dispositivo coma disco duro (para poder recuperar o nome orixinal dos ficheiros) e lembra ós tempos nos que a aplicación P2P estrela era Napster (e na que comezaran a aparecer vídeos renomeados coma MP3 para compartilos na Rede).

PUBLICIDADE