Unha alumna do Campus de Ferrol seleccionada para un dos premios do hackaton Reto Enseña 2.0

xoves, 13 de xuño do 2024 S. P.

O segundo hackathon Reto Enseña 2.0, organizado por Oracle España e Nuwe, no que participaron máis de 230 estudantes de máis de 40 universidades de todo o mundo celebrará o acto de entrega de premios o 25 de xuño, a partir das 15 horas, nas oficinas centrais de Oracle España en Madrid. Cómpre salientar que a alumna galega Miriam Eimil Chao (As Pontes, 1999) do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática participou de xeito individual neste reto baixo o nome de Purple Sector Team e en representación da Universidade da Coruña.
Esta alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) opta a un dos tres premios do segundo hackathon ao que tamén asistirán os mozos e mozas que integran os equipos Cachopo Team da Universidad Europea de Madrid (UE) e The Nanos Team da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC). Ningún dos tres equipos convocados ao evento sabe que posición ocupa no Top 3 da clasificación. Ao longo da xornada, participarán nun networking con persoal experto de Oracle España e poderán probar o simulador de Fórmula 1 Oracle Redbull.
O equipo que consiga o primeiro posto recibirá unha tarxeta regalo por valor de 1.000 euros e varias sesións de mentoring con persoal experto de Oracle España. O segundo clasificado recibirá unha tarxeta regalo por valor de 600 euros e o terceiro outra pero por un importe de 400 euros. A maiores, as persoas integrantes dos equipos gañadores terán acceso gratuíto ás subscricións de aprendizaxe para estudantes de Oracle.
Predicindo os resultados das vindeiras carreiras de Fórmula 1. Entre maio e xuño, a alumna do Campus Industrial de Ferrol, Miriam Eimil Chao, ao igual que o resto de estudantes universitarios participantes no segundo Reto Enseña 2.0 que organiza Oracle en colaboración con Nuwe, tivo que afondar no mundo da Fórmula 1 botando man da Ciencia de Datos, da Aprendizaxe Automática e da Intelixencia Artificial (IA) para tentar predicir cal ía ser a mellor carreira do ano.

PUBLICIDADE