Unha aplicación de balde converte o iPhone nunha cámara profesional

venres, 21 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Cando Apple presentou os novos iPad Air e iPad Pro anunciou novidades de software relativas a Logic Pro e Final Cut Pro, destacando o feito de que estrearían unha función de multicámara en directo que vería a luz ao longo da primavera, e finalmente cumpriron o prometido case no tempo de desconto, pois por fin está dispoñible a aplicación Final Cut Camera, que facilita a gravación de vídeo de xeito profesional no iPhone, e é completamente de balde.
A aplicación de cámara chega en paralelo co lanzamento da versión 2 de Final Cut Pro para iPad, que promete tirar un maior proveito das posibilidades dos novos iPad con procesador M4 e incorpora a impresionante función de gravación multicámara, que converte a tableta de Apple nun estudio de realización móbil para até 4 dispositivos (iPhone e iPad) dos que poden controlarse os seus axustes básicos a distancia. Tamén é especialmente salientable o feito de que a nova versión de Final Cut Pro por fin pode traballar con proxectos almacenados en unidades externas.
Volvendo á aplicación Final Cut Camera, estamos ante unha ferramenta de grande utilidade para os profesionais do vídeo, xa que incorpora numerosos axustes, como poder escoller o formato de gravación (resolución, velocidade de fotogramas, codificación de cor, codecs...), controlar a exposición e a velocidade de obturación, axustar o balance de brancos, axustar o zoom con precisión, bloquear a orientación, activar un asistente de enfoque, activar a estabilización... e poder previsualizar a imaxe da cámara remotamente dende un iPad con Final Cut Pro. En definitiva, unha ferramenta que converte o iPhone nunha cámara de vídeo profesional, resultando os seus axustes especialmente importantes para cando queremos logo editar contidos capturados dende varios dispositivos, para así igualar as configuracións de gravación e conseguir así resultados uniformes.

PUBLICIDADE