Unha feble Ubisoft volve adiar o lanzamento do novo Assassin’s Creed

xoves, 9 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

En setembro Ubisoft anunciaba que precisaba de tempo adicional para conseguir que o seu vindeiro grande xogo, Assassin’s Creed Shadows, puidese estar á altura do que o público esperaba, polo que decidira adiar o seu lanzamento até o 14 de febreiro de 2025, pero finalmente non son quen de manter tal data, e agora teñen que recoñecer que o xogo non verá a luz até o vindeiro 20 de marzo.
Pode parecer que estamos ante un retraso máis dun grande xogo, para evitar que o seu lanzamento sexa desastroso, pero nesta ocasión podería haber máis factores a ter en conta, pois xurdiron rumores de que o xigante chinés Tencent estaría a preparar a compra de Ubisoft, compañía de videoxogos que está sumida nunha seria crise tras encadear varios fracasos.
En outubro comentábase que a familia Gillemot (fundadores da compañía) estaría interesada en facerse co control da empresa coa colaboración de Tencent, para apartar a compañía do mercado bolsista e poder estabilizar o seu valor (que caeu un 45% no último ano), pero polo momento só están a explorar as súas distintas opcións de futuro.