Unha sesión por streaming informará das novas axudas para mellorar o ERP das empresas

luns, 28 de maio do 2018 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA organiza unha nova sesión en formato #DemosXweb baixo o título Aproveitando as novas subvencións para mellorar o ERP da empresa, que se poderá seguir exclusivamente por streaming de 9:30 a 10:15 horas o vindeiro mércores.
A sesión mostrará os beneficios dun ERP como sistema de información clave que reúne a información principal da empresa e as oportunidades que supoñen as subvencións do IGAPE, Deputacións e Cámaras de Comercio para actualizar este software. Durante a retransmisión as persoas que sigan a sesión poderán preguntar en directo as dúbidas que lles xurdan da exposición.
Alejandro Castro, de Esquío Enxeñería, estará a cargo desta actividade, dirixida a xerentes, responsables e persoal técnico de todas as áreas e de calquera sector que desexen mellorar a produtividade das súas empresas. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.
As sesións demostradoras retransmitidas en exclusiva por streaming (#DemosXweb) son unha nova modalidade para este ano e contan con múltiples vantaxes. Son sesións breves que, ao seguirse por internet, evitan os desprazamentos. Ademais, quedan gravadas na páxina web do CDTIC, polo que as persoas interesadas poden visualizalas con posterioridade en calquera momento.
O CDTIC ten previstas máis sesións con este formato, aproximadamente, unha ao mes, sobre o uso profesional de WhatsApp, a xestión dun proxecto de construción con BIM, etc.

PUBLICIDADE