VLC para Android xa reproduce vídeos compartidos en rede

mércores, 22 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos a versión de escritorio do reprodutor multimedia VLC converteuse na solución perfecta para infinidade de usuarios que non querían ter varias aplicacións en innumerables codecs instalados no seu equipo para poder reproducir contidos audiovisuais en distintos formatos, pero cando tocou levar esta aplicación a dispositivos móbiles foron moitos os atrancos que xurdiron e a súa evolución foi moi lenta, peor coa súa última actualización podemos dicir que deu un paso de xigante, converténdose agora tamén nunha aplicación das máis relevantes para Android.
VLC for Android 2.0 é unha magnífica revisión do popular reprodutor multimedia, que xa pode descargarse de balde a través de Google Play, e que adáptase ás últimas versións de Android, facilita a exploración de contidos compartidos en rede, integra un sistema de descarga de subtítulos, permite a reprodución de vídeo de xeito emerxente, soporta multi-fiestras e incluso mellorou os seus sistemas de decodificación de vídeo para conseguir un mellor rendemento.
Unha das funcionalidades máis interesantes do novo VLC para Android é que permite acceder a contido multimedia que compartamos en rede mediante DLNA/UPnP, uso compartido de Windows, FTP, sFTP e NFS, de xeito que dende o smartphone ou a tableta podemos reproducir vídeos que teñamos no ordenador ou nun NAS, e que incluso en moitos casos detectará os subtítulos asociados ou permitirá a súa descarga a través de OpenSubtitles se non contamos cos mesmos (no caso de que queiramos ver un contido que non estea na nosa lingua).
A aplicación tamén soporta agora listaxes de reprodución (ideal para deixar programada unha sesión de reprodución audiovisual continua) e algo que apreciarán os usuarios de tabletas é que agora pode reproducir vídeo de xeito emerxente, ou sexa, que na mesma pantalla poderemos estar a reproducir un vídeo nun recadro mentres empregamos outra aplicación.

A reprodución de vídeo emerxente en tabletas é unha das funcionalidades novas máis rechamantes de VLC for Android 2.0