Varias iniciativas tecnolóxicas amosaranse ao público durante o Culturgal 2015
venres, 4 de decembro do 2015
O Pazo da Cultura de Pontevedra será o escenario da cita
anual da cultura galega até o vindeiro domingo, con milleiros de persoas
visitando o enclave para celebrar o Culturgal 2015, que
nesta edición conta con 81 entidades expositoras e máis de 120 actividades
programadas oficialmente.
Esta Feira das Industrias Culturais ten entrada de pagamento (a prezos
populares: 2 euros para adultos e 1 euro para menores de 12 anos) e a súa programación
repártese en seis espazos temáticos en paralelo (foro, música, espazo foro,
infantil, audiovisual e profesional) non faltando actividades do ámbito
tecnolóxico, como unha conferencia de introdución á impresión 3D impartida por
Enrique Otero Neira de Brinka3D (que
terá lugar o sábado ás 17:00 horas); a presentación dos catálogos de libros
electrónicos de varias editoriais galegas (o sábado ás 11:45 horas); un relatorio
de introdución á creación de contidos en YouTube por JairoVlogs (o sábado ás 18:30
horas); a presentación da segunda edición do festival Boom! Film & Comic, no que
teñen cabida os videoxogos, por parte do seu director, Jesús Ari (o sábado ás
20:30 horas); a presentación do libro+web
Pito Galego por Moisés Quintas de
Ouvirmos (o domingo ás 13:30 horas); e a presentación da mercadotecnia do
PuntoGal elaborada por Rei Zentolo para celebrar o primeiro
aniversario da apertura do dominio .gal (acto que se desenvolverá o domingo
ás 18:00 horas).
Cómpre lembrar que entre as entidades organizadoras do Culturgal figura EGANET,
deixando claro que o sector TIC ten un peso importante nas industrias
culturais.
- A tecnoloxÃa leva anos tendo un importante rol no Culturgal