Vigo participa nun proxecto de investigación para a detección de manipulacións audiovisuais

martes, 13 de setembro do 2011 Redacción

Parte dos investigadores do grupo de Procesado de Imaxes en Comunicacións dedicaranse case en exclusiva a este proxecto

A Unión Europea vén de pór en marcha o proxecto Rewind (Reverse engineering of audio-visual content data) no que investigadores do centro de investigación AtlantTIC, xunto a outros catro socios europeos, tratarán de crear un conxunto completo de novos modelos matemáticos e técnicas que detecten de xeito automático se un obxecto multimedia foi manipulado e que tipo de manipulacións sufriu.
O catedrático Fernando Pérez, investigador principal do grupo de Procesado do Sinal en Comunicacións do que forman parte máis de 20 investigadores con ampla experiencia en procesado de imaxes e de sinais, asegura que «hoxe en día é xa moi complicado decidir se unha imaxe ou un son é real ou sintetizado por ordenador», polo que detectar a manipulación de imaxes é todo un reto que ten «unha forte base matemática» e para o que principia este proxecto, de tres anos de duración e 300.000 euros de financiamento, que permitiralles contratar a algún investigador máis, e mesmo 5 ou 6 dedicaranse case en exclusiva a esta tarefa.

Na historia tamén tivemos interesantes exemplos de retoques fotográficos

Rewind encádrase no VII Programa Marco e, máis concretamente, na convocatoria Open-FET, un programa específico dirixido a seguir avanzando nas tecnoloxías emerxentes do futuro, participando a Universidade de Vigo como socia do proxecto xunto a outras reputadas institucións europeas: o Imperial College de Londres, a Universidade Politécnica de Milán, as universidades de Siena e Florencia e o instituto alemán Fraunhofer, un centro especializado no campo da comunicación dixital.
As posibles aplicacións tecnoloxía son múltiples, dada a importancia de frear os casos de fraude en múltiples ámbitos, xa que, estamos ante «unha ferramenta forense, no máis estrito senso da palabra», que podería empregarse nun xuízo para achegar probas en un determinado sentido, «algo que ten moito valor, sobre todo se es capaz de facelo automaticamente, xa que elimina subxectividade e, ao tempo, permíteche procesar moitísimas máis imaxes».