Warner abandona o HD DVD en favor do Blu-ray

luns, 7 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A guerra de formatos de vídeo de alta definición está a chegar ó que parece un punto crítico, pois mentres que os establecementos comerciais ofertaron reprodutores domésticos a prezos moi atractivos antes do Nadal (especialmente no caso do HD DVD) varias produtoras cinematográficas decidiron dirixir ós seus esforzos en lanzar películas para Blu-ray (en boa medida porque vén de serie coa consola de videoxogos PS3).
Os últimos selos en abandonar o HD DVD son a Warner e New Line (esta última pertence ó grupo Time Warner), mentres que algunhas compañías apostan polos dous formatos, de xeito que a única que quedaría apostando en exclusiva o HD DVD promovido por Toshiba serían Universal e Paramount.
Dende o HD DVD Promo Group están a traballar para que a Warner reconsidera a súa decisión, pois deixaría só á Paramount e á Universal dando soporte ó HD DVD, de xeito que se repetiría un escenario semellante ó que pasou coa guerra entre VHS e Betamax, aínda que desta volta a fortuna sorrí a Sony.

Gráfico que compara a penetración no mercado dos formatos de alta definición

A Warner, que pretendía lanzar discos híbridos coñecidos coma Total HD, parece renunciar o apoio ós dous formatos de alta definición para evitar a confusión por parte do público, e decantarse polo Blu-ray, en boa medida polo pulo que lle supón a PS3 (aínda que os reprodutores de HD DVD teñan prezos máis reducidos). Apostando por un único formato os fabricantes cren que os usuarios que están a mercar televisores de alta definición aproveiten a súa adquisición para adquirir un reprodutor á súa altura, que pouco a pouco van acadando un prezo máis popular.
Dende Toshiba deféndense destas malas novas para eles asegurando que a guerra de formatos de alta definición aínda está lonxe de rematar, asegurando que as vendas de HD DVD foron moi boas en 2007, especialmente nos 3 últimos meses, chegando a comercializar 1 millón de reprodutores nos EE.UU., polo que as novas sobre a morte deste formato poderían ser esaxeradas.
Para ilustrar a situación comercial dos formatos, dende Abadía Digital recomendan botar un ollo a un gráfico que aparece na Wikipedia na que se pode comprar a presenza no mercado de películas nos novos formatos, apreciándose que o HD DVD queda con moi poucos apoios mentres que o Blu-ray quedaría agora amparado por Sony, MGM, Lions Gate, Disney, 20th Century Fox e Warner.
Este incerto panorama, xunto coa baixa penetración de televisores de alta definición no mercado, poderían levar a que esta guerra de formatos sexa pouco produtiva, pois pese a ser unha boa solución tecnolóxica, poderían rematar no esquecemento coma o VideoCD ou o LaserDisc, por adiantarse á demanda do mercado.