Western e Intel achegarán tecnoloxía para bater na Campus Party o récord español de overclocking
martes, 17 de xullo do 2007
No que se refire á persoalización da carcasa do computador, os encontros como a Campus Party e as galegas (que se nos veñen enriba) VeriNET e CeLANova PARTY son como a palestra na que se pensa no antes, no durante e no despois da intervención, parafuso en mano, na feitura do ordenador. Como as olimpíadas para os deportistas ou un muro gris e deslucido para os grafiteiros. Modificar o recubrimento dun ordenador é xa case unha expresión artística con diversas escolas e tendencias, e nun evento como o da Campus Party onde participan milleiros de persoas mesmo se pode pensar que o fin do encontro non é outro que ese: quitarlle o veo á criaturiña e presentala en sociedade. Este ano, polo que se conta na Rede, a tendencia xira arredor do modding conxunto, que consiste en desenvolver complicadas estruturas de ordenadores conectados entre si (na imaxe).
Outro dos camiños a seguir será o de acadar o computador máis frío e máis rápido. Así o aseguran empresas como Western Digital, que vén de desafiar á comunidade modding que vai concorrer na Campus Party a facer uso dos seus discos Raptor X (segundo WD, o máis veloz do mercado entre os SATA) e o WD Caviar SE16 para bater os devanditos récords.
Con este fin, WD cederá varias unidades destes aparellos para comprobar ata que límites de rapidez (do máximo de operacións no mínimo tempo) é posible chegar usando a técnica da refrixeración extrema.
Asemade, e se cadra para engadirlle máis interese á procura deste ordenador “olímpico”, cómpre sinalar que no proceso tamén concorrerá Intel Corporation Iberia, que anunciou que presentará (entre outros aparellos) o seu procesador de catro núcleos Intel Core 2 Extreme QX6850, que vén refrixerado con nitróxeno líquido (e que é entre un 30 e un 70% máis rápido cós de núcleo duplo e con idéntico aforro de enerxía, segundo apunta a empresa).
O obxectivo final, na mesma liña có de Western Digital: bater o récord de España de overclocking (levar ó máximo as posibilidades dos computadores).
