WhatsApp para Mac por fin permite chamadas grupais

martes, 29 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Os usuarios de equipos informáticos de Apple que queren gozar de WhatsApp no seu ordenador por fin teñen unha versión da súa aplicación de escritorio á altura da que teñen os usuarios de Windows xa que a última actualización da aplicación de WhatsApp para Mac inclúe características como as chamadas de grupo con até 8 persoas en vídeo ou 32 en audio, podendo incluso optar por recibir notificacións de chamada cando a aplicación estea pechada.
A aplicación redeseñouse para que resultase familiar para os usuarios de Mac, facilitando o uso da aplicación nunha pantalla grande, e soportando funcións como poder compartir documentos arrastrándoos e soltándoos directamente en conversas.
A nova aplicación de WhatsApp pode descargarse dende a páxina web do servizo, e proximamente estará dispoñible na tenda oficial de aplicacións de Apple.

PUBLICIDADE