Windows Live Writer estrea versión portable

luns, 6 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Aplicar efectos ás imaxes é doado nesta aplicación gratuíta

Os usuarios que gusten de publicar no seu blog a través de aplicacións informáticas de seguro que coñecen o Windows Live Writer, a ferramenta de Microsoft para tal función (que goza de bastante boa acollida) que nun principio poderiamos considerar que tiña coma principal eiva o precisar de instalación para o seu uso, pero veñen de publicar na web unha versión do programa totalmente portable, de xeito que se pode gardar nunha memoria USB para utilizalo en distintos equipos sen ter que configurar a aplicación en cada uso ou equipo informático.
O Windows Live Writer permite publicar tanto en Live Space como en plataformas blogueiras máis habituais (coma Wordpress) presentando unha interface moi semellante ao Word (programa que tamén conta con función de publicación en blogs) pero facendo sumamente doada a incorporación de imaxes (cargándoas directamente ou referenciándoas á web), vídeos (aceptando tanto Soapboax coma YouTube) ou mapas.