XGN 2008: a vida imita á Rede

xoves, 14 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Rubén Cela, director xeral de Xuventude, presentou este xoves as principais novidades do que ben podería ser o encontro dixital galego por excelencia: XGN. A xuntanza, que recibiu na súa web ata 50.000 visitas os días pasados, é en certa maneira a definición mesma dun encontro dixital, con xente participando, interactuando e tirándolle partido ás ferramentas tecnolóxicas que ten ó seu alcance. Amais disto, é probablemente a punta de lanza dos encontros LAN en Galiza e unha das máis importantes citas desta índole de toda a Península.
Con ela, ocorre coma cos grandes concertos. Hai que abrir ben os ollos para acadar praza (este ano, as 1.500 prazas que estaban dispoñibles esgotáronse en só 28 segundos) e o interese xerado, que se rexistra en todo tipo de variantes e dende o primeiro intre en que se abre a web, vai sendo cada vez máis complicado de definir, precisamente por ser cada vez maior.
Unha das únicas cousas que vai ficando igual ó longo dos anos, aínda que non sabemos por canto tempo (os organizadores non descartan unha descentralización de XGN por toda Galiza) é o espazo físico elixido: o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago. Case que todo o demais está suxeito a un proceso de evolución: os obxectivos (que xa non só apuntan á socialización dos mozos), as franxas sociais ás que se dirixe a party (agora se procura tamén á terceira idade e ós empresarios), a capacidade das redes e o número e temática dos relatorios, os xogos, os concursos ou as actividades en xeral.
Este ano, a party vén ligada ó comezo da primavera, polo menos no plano oficial, posto que xa hai días que a nova estación se deixou notar. Celebrarase entre os días 14 e 16 de marzo e, segundo di a organización (a Dirección Xeral de Xuventude), están convidadas a ela todas aquelas persoas que queiran ver en que consiste a vida dixital, o ir medrando en liña, non moi diferente da vida previa á aparición das redes pero co engadido de que todo o que se diga pode ser escoitado por máis persoas e, no senso inverso, todo o que descubran os demais pode estar máis preto de nós e sen necesidade de correr detrás do coñecemento.
Basicamente esa é a gran vantaxe da vida dixital: o coñecemento sáeche ó paso.
Fóra e dentro dos arredor de 40.000 metros de fío despregados pola organización.
Novidades
Xuventude Galiza Net vai dirixíndose cada vez máis cara a un meirande compromiso social, sobre todo na procura de tirar abaixo as barreiras que impiden un dereito básico: o do acceso de toda a sociedade ás redes dixitais. Segundo explicou Rubén Cela no acto de presentación, o evento ábrese este ano ós mozos e mozas con discapacidades, de aí que se establecesen previamente acordos coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade para levar a cabo actividades de inclusión dixital entre estes colectivos. Nesta liña de loita contra a fenda que afasta ós que están dentro da Rede dos que están fora tamén se atopa o interese da organización por habilitar en XGN (unha vez máis, logo das primeiras experiencias do ano pasado) un espazo dedicado ás persoas maiores.
A robótica tamén terá cabida no Pazo de Congresos. Co fin de afondar nela e nas súas posibilidades de cara a mellorar a nosa calidade de vida, a Universidade de Vigo xa anunciou a participación do seu robot móbil Rato, que adoptará o papel de guía perante os visitantes da party. Sinalar que o dispositivo inclúe unha cabeza mecánica fabricada para dialogar coas persoas, sendo quen de mover distintas partes da faciana co fin de incrementar a expresividade e ampliar o espectro da comunicación.
Asemade, farase entrega dunha memoria USB a cada un dos 1.500 participantes, que inclúe o sistema operativo Linux na nosa lingua e o programa Open Office, entre outras ferramentas. O obxectivo da organización é favorecer o uso do software libre entre os participantes, xa que coa inserción da USB poderán empregar o Linux unha vez prendan os seus computadores.
O programa
O programa vai collendo corpo. ata o de agora, xa puidemos ver cómo se reforzaba unha boa parte das actividades que máis éxito tiveron nas edicións anteriores (ata un total de 40 concursos ligados a temáticas como o case-mod, a fotografía, o deseño web, a animación ou os gráficos en 3D). Amais disto, a organización anunciou que afondará en propostas novas, como na celebración de actividades lúdicas vinculadas á ciencia ou á aventura. Asemade, daráselle un novo pulo ó software libre ou mesmo ás pontes xa tendidas o ano pasado con colectivos non familiarizados co uso das redes. No que se refire á parte formativa do evento, dicir que haberá conferencias relativas á televisión dixital terrestre, ao código aberto e á robótica.
Entre os obradoiros que se van desenvolver cómpre salientar o de modificación creativa de caixas de ordenador (case-mod, unha vez máis), no que se darán a coñecer as técnicas máis modernas para reducir o ruído dos ordenadores a un custo moi baixo, así como outros referidos ao software libre e a s súas saídas profesionais.
Intranet e Extranet
Existen dous xeitos de participar neste evento. Os mozos de entre 16 e 30 anos que se inscribiron a través da páxina web poderán acceder á intranet do evento que estará situada no vestíbulo B do Palacio de Congresos e Exposición. Os ordenadores dos participantes estarán conectados por máis de 40.000 metros de cable, a unha velocidade de 1.000 megabytes por segundo. Ademais poderán participar en actividades lúdicas, creativas, concursos, conferencias e talleres, que xirarán ao redor da actualidade informática. Haberá tamén acceso libre, de balde e aberto á extranet. Estará situado no vestíbulo A do Palacio de Congresos, onde se atoparán os stands da dirección xeral de Xuventude, das empresas patrocinadores e os postos onde poderán probar as consolas máis punteiras do mercado e participar en moitas outras actividades lúdicas. Haberá un total de 40 ordenadores do Programa Comunícate, para que os asistentes podan conectarse gratuitamente a internet, provistos dun caudal de 8 megabytes.
Os asistentes que se acheguen á extranet tamén poden participar en diversos concursos, gozar coas alfombras de xogo de baile ou os karaokes, de moito éxito en anteriores edicións, e asistir a todas as conferencias e demais actividades que se programen, como a proxección gratuíta das películas Donkey Xote e Nocturna de Filmax Entertainment.
Obxectivos
XGN é unha party LAN, e como toda party LAN (ou LAN party) consiste en dispoñer moita rede para moitos mozos nun espazo que inclúa os servizos precisos para facer vida durante varias xornadas de conexión case ininterrompida. Oficialmente, unha LAN party é un evento que reúne a un grupo de persoas coas súas computadoras para xogar, compartir información, entrar en contacto coa xente e ampliar coñecementos referentes ás novas tecnoloxías. Dito doutro xeito: quen vai a un encontro deste tipo xa sabe que vai ter que socializar e vai recibir datos de proveito a cambio dos que el xa ten. En certa maneira, unha party é unha festa da información libre. O fluxo de coñecemento, neste tipo de encontros, sae do participante coa mesma facilidade coa que chega. Móvese a nivel oral do mesmo xeito ca na Rede, coma se a vida imitase un pouco a esta.
Con todo, XGN é unha xuntanza cun certo número de anos detrás e, amais de todo iso, é galega, polo que é de agardar que se asemelle ás demais partys pero que presente unha serie de peculiaridades nos seus obxectivos. Por exemplo, amais do devandito, búscase potenciar o emprego de galego entre a mocidade, favorecer o contacto dos rapaces e das rapazas coas empresas do tecido tecnolóxico (para isto, mesmo se organizan encontros e relatorios, espazos nos que se lle dá combustible ó movemento curricular) ou potenciar o uso de ferramentas de software libre como instrumentos abertos de colaboración.
Asemade, tamén se procura fortalecer o papel comunicador dos participantes inscritos, tirar partido do moito que saben sobre tecnoloxía. Con este fin, póñense en contacto con colectivos de risco de exclusión dixital, como por exemplo a terceira idade. De feito, na edición do ano pasado de XGN xa puidemos ver cómo se desenvolvían clases máis ou menos improvisadas de informática dirixidas a persoas maiores de 65 anos. Neste senso, a idea consistía tamén en tirar por terra o concepto de informático novo e avanzado que raramente se presta a baixar ó nivel dos que están aínda petando na porta da Internet.
Un escenario para coarse en películas
Unha das novidades máis salientables deste ano en XGN vai ser sen dúbida o prató chroma key, un innovador sistema para a gravación de escenas sobre fondos ou filmes a elixir e que a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual incorporará logo á mostra Galicia Dixital. En realidade, a party galega será o espazo elixido para a presentación oficial deste prató, que inclúe (entre outros complementos) un escenario para dispoñer ós actores, unha cámara de vídeo que os rexistra e unha pantalla TFT de gran formato no que se proxectarán fotogramas de películas ou decorados dixitais a escoller.
A intención da dita Dirección Xeral é facer entrega a cada un dos participantes dun DVD coas escenas protagonizadas por eles no escenario habilitado.