XGN 2008 abre as portas este venres perante unha maioría de mozos galegos
mércores, 12 de marzo do 2008
A conta atrás para a apertura de Xuventude Galiza Net 2008, a novena edición da party, xa case se pode facer cos dedos. As novidades consistirán basicamente en afondar nos obxectivos asumidos ó longo destes últimos anos pola Dirección Xeral de Xuventude, tendo en conta que moi dificilmente vai poder medrar a intranet da xuntanza dende o punto de vista cuantitativo. Dito doutro xeito: a falta dunha ampliación do número de persoas inscritas (pouco viable, tendo en conta as características do recinto, xa grande de por si, do Pazo de Congresos de Santiago), amplíanse as actividades, os compromisos e as posibilidades de participación. E tamén se incrementan, desta volta e co fin de que tiren partido da extranet, os reclamos para todas aquelas persoas que non conseguiron inscribirse.
En total, serán 1.500 mozos os que participen na intranet, sobre todo homes e galegos, e estímase que se vai superar a cifra de participantes na extranet do ano pasado: 40.000.
Para quen non lle quedase claro o asunto, aquí vai unha explicación: Xuventude Galiza Net é un encontro informático para a mocidade (un dos máis importantes a nivel estatal) que dá acubillo tecnolóxico (teito, rede, obradoiros, mesas redondas, etc) a 1.500 persoas reunidas nun espazo coñecido como intranet e a un número ilimitado de visitantes na extranet.
Segundo apunta a organización, a Dirección Xeral de Xuventude, os equipos dos participantes ficarán conectados por máis de 40.000 metros de fío con máis de 1.000 bocas de conexión a unha velocidade de 1.000 megabits por segundo.
O encontro dará comezo ás 10.00 horas deste venres coa apertura do Pazo de Congresos e servirá de escenario durante tres xornadas para todo tipo de actividades (das que, por certo, falamos polo miúdo os días pasados nesta mesma web). Asemade, este ano contará cunha máis que fonda participación da plataforma galega mancomun.org, que, como xa dixemos, ten programadas todo tipo de actividades para promover as vantaxes e utilidades do software libre a prol da informática mesma, o galego e a transmisión do coñecemento.
Participantes
Segundo vén de sinalar Xuventude, nove de cada dez rapaces que se achegarán ata o Palacio de Congresos para participar neste evento son homes, mentres que as mulleres apenas representan un 10%. A maioría dos participantes, un 86´5%, son galegos. A provincia que aporta más rapaces a este evento é A Coruña, cun 46%, séguelle Pontevedra cun 25´03 e Ourense co 8´05. Finalmente figura Lugo, provincia de procedencia dun 7´42 % dos mozos.
En Xuventude Galiza Net os rapaces procedentes de fora de Galicia representan un 13´45%. Destes, a meirande parte, un 8´5% veñen de Madrid, seguido a distancia pola provincia de Valladolid, cun 2´5% do total.
Actividades
As xornadas de conferencias comezan o venres pola mañá cunha charla de “Presentación do Xuventude Galiza Net 2008”, que terá lugar ás 12,00. Pola tarde celebraranse varias conferencias, a primeira ás 16,00 baixo o título “Navy Moves e WAM-UP: Un novo concepto de xogo, ás 17,30 terá lugar a segunda das charlas que versará sobre “Ferramentas avanzadas de deseño en automoción. Realidade virtual e prototipo rápido”. A última das charlas desta xornada celebrarase ás 19,00 horas e versará sobre o despregue da TDT en Galiza. Durante a tarde iniciaranse os torneos de xogos en rede e a competición de debuxo rápido, Fast 2D. As 00,00 horas terá lugar o acendido oficial do encontro.
Xa na xornada do sábado ás 11,00 celebrarase unha conferencia sobre o presente e o futuro das aplicacións da robótica móbil. Ás 12,30 terá lugar outra das charlas principais deste encontro, sobre “Emprego e Software Libre: Experiencias de emprendedores galegos”. Ás 16,00 horas haberá un relatorio sobre o “Protocolo IP versión 6. A evolución de internet”. O último dos relatorios será ás 17,30 e centrarase nos Mundos Virtuais.
Ademais iniciaranse as segundas eliminatorias de xogos, a competición de Case-Mod e de lanzamento de disco. Os máis cativos poderán desfrutar ás 19,00 horas coa proxección, de xeito gratuíto, da película Donkey Xote de Filmax Entertainment. Será ás 00,00 cando terá lugar o inicio do torneo de Real Time Battle.
Na última xornada do congreso celebraranse as finais dos xogos e proxectaranse as competicións do Case- Mod, de deseño de caixas de PC. Ás 12,00 terá lugar o último relatorio do encontro, sobre “Reciclaxe informática, recuperando computadores antigos”. Media hora despois, ás 12,30 da mañá proxectarase da película de debuxos animados Nocturna, de Filmax Entertainment.
A clausura do evento e a entrega de premios aos gañadores dos distintos concursos e competicións será o domingo ás 18.00 horas.
