XGN R Encounter abre as súas portas
venres, 7 de outubro do 2022
O vicepresidente segundo e
conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da
directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e
do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, participou
hoxe na inauguración do encontro informático Xuventude Galicia Net R
Encounter, impulsado pola Xunta co apoio da empresa R como
patrocinadora oficial. O evento, que chega xa á súa vixésimo segunda edición,
reunirá ata o domingo case 800 participantes na Feira Internacional de Galicia
Abanca, en Silleda.
Haberá máis de 50 actividades,
entre competicións, conferencias, talleres e zonas de xogos, entre as que o
vicepresidente segundo sinalou como novidades un taller de hidroimpresión,
outro de programación dun sensor para medir a calidade do aire, concursos
virtuais de simulación de voo, novas experiencias de realidade virtual
inmersivas ou unha conferencia centrada na creación dunha páxina web.
Ademais, Diego Calvo destacou a
recuperación este ano do formato completo do evento ao retomar a presencialidade
da zona de acceso libre Extranet, que
o pasado ano se levou a cabo en liña debido ás restricións da COVID-19. Nesta
área, tanto as persoas inscritas como o público xeral poderán asistir de balde
a conferencias e mostras sobre temas de actualidade informática e obradoiros
para achegarse á tecnoloxía. O horario de apertura é de 10:00 a 20:00, hoxe e
mañá sábado cun completo
programa de actividades.
20.000 metros cadrados e 20 Gbps de velocidade
XGN R Encounter é un dos 16 grandes eventos da programación
deste ano da Feira Internacional de Galicia Abanca, cos que este espazo “ofrece
un calendario diversificado e capaz de darlles resposta ás necesidades
loxísticas de encontros multitudinarios”, segundo destacou Diego Calvo. Neste
caso habilitáronse 20.000 metros cadrados en dous pavillóns para “garantir as
mellores condicións de confort e seguridade”, ademais de “coas mellores
prestacións tecnolóxicas ao contar con 20 xigas de velocidade, grazas a R”,
engadiu.
O vicepresidente segundo enmarcou a iniciativa nas políticas da Xunta de apoio á xuventude, nas que se aposta por iniciativas como esta, que combina convivencia, intercambio de coñecementos e experiencias, lecer e formación. Para Diego Calvo, o obxectivo é “proporcionarlles ás novas xeracións ferramentas e recursos para o seu desenvolvemento persoal, social e laboral”.
