XGN R Encounter contará con máis de 40 actividades tecnolóxicas

mércores, 6 de outubro do 2021 Marcus Fernández

XGN R Encounter ten xa practicamente definido o programa da súa 21ª edición, que terá lugar do 9 ao 11 de outubro na Feira Internacional de Galicia ABANCA retomando o formato presencial para aquelas persoas rexistradas na party. O seu programa contará con máis de 40 actividades lúdicas e formativas relacionadas coa informática, as TIC e o lecer electrónico.
En canto ás propostas dirixidas exclusivamente aos rexistrados, a Intranet da XGN R Encounter incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con numerosas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, ‘granxas’ de impresoras 3D, un taller para montar unha retroconsola, a Open Led Race, carreira onde os participantes terán que facer avanzar a súa cor LED por un circuíto, e tamén o Roteiro Maker, unha iniciativa que tenta achegar a ciencia e a tecnoloxía ás zonas rurais e semirrurais de Galicia con diferentes talleres para todos os públicos e nun formato innovador e divertido.
Así mesmo, os participantes poderán tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba consistente en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse torneos de trece videoxogos distintos, con títulos como LOL, CSGO, Valorant ou Skribbl. io para pc e Fifa21, JustDance 21, Guilty Gear: Strive ou Mario Kart 8: Deluxe para consola. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema, o karaoke ou o Non te rías que é peor.
Por outra banda, a XGN R Encounter incluirá un programa de actividades online de acceso aberto e gratuíto, tanto para participantes como para público en xeral, dentro do espazo denominado Extranet. Así, poderase desfrutar a través da canle de Discord da party ou de Youtube de conferencias e talleres con títulos tan atractivos como Guía de supervivencia de criptomonedas, IVAO España, a familia da simulación aérea, Un stream desde o outro lado ou O onte e hoxe do k-pop.
Moitas das actividades da XGN R Encounter, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous primeiros días do evento a través de Twitch de forma que será accesible a calquera persoa interesada en seguir a actualidade do encontro tecnolóxico. O programa, que leva por título EncounterTV, incluirá ademais entrevistas e actuacións musicais e humorísticas

PUBLICIDADE