XGN abre este venres as súas portas entre concursos, relatorios e mesas redondas
xoves, 29 de marzo do 2007
Xuventude Galiza Net (da que falamos polo miúdo hai uns días nesta mesma web) abre as súas portas este venres 30 en Santiago, no Palacio de Congresos e fica aberta ata o domingo primeiro de abril. Un ano máis, os participantes de XGN 2007 (organizada pola Dirección Xeral de Xuventude) poderán participar nos concursos que pon á súa disposición o equipo organizador. Cómpre sinalar que o programa de actividades de lecer móvese no espazo que queda entre o lecer e o formativo, collendo material dos dous mundos e que este ano foron incorporadas algunhas actividades que nunca antes se viran neste tipo de eventos, como por exemplo unha competición de música.
Asemade, na nova edición de XGN tamén se inclúe unha completa listaxe de actividades dirixidas a tratar temas relacionados coas redes dun xeito máis fondo e pormenorizado. Falamos dos relatorios e as mesmas redondas. Estes relatorios están abertos a tódalas persoas que se acheguen á xuntanza, e eles poden asistir tanto participantes como calquera persoa que o desexe. A continuación, damos conta polo miúdo do programa de actividades do encontro galego, por se alguén non ten a man o que subministra a organización.
Venres 30
10.00 Apertura de portas e identificación de participantes.
12.00 Presentación Xuventude Galiza Net 2007
13.00 Relatorio Alta definición 180 liñas, a cargo de Carles Agea Mediavilla Product Training – Marketing Services.
14.00 Xantar.
15.30 Relatorio Movemento FON: Revolucionando o WiFi, a cargo de Alberto Méndez, director de Marketing de FON en España. FON é unha iniciativa a medio camiño entre o voluntariado social e actividade empresarial posta en marcha por Martín Varsavsky. A idea que a sustenta é compartir accesos WiFi a Internet co fin de que haxa nas cidades o maior número de puntos de conexión. En Málaga estase a levar a cabo unha das máis ambiciosas iniciativas da empresa FON, que quere convertela nunha cidade WiFi. Alí, repartiranse de balde dous milleiros de routers. A previsión é a de chegar antes de seis meses ó 80% do total do espazo urbano, distribuíndo –amais dos routers de xeito que cubran a meirande cantidade de superficie- equipos informáticos en espazos públicos e antenas que contribúan a mellorar as condicións de acceso e de navegabilidade.
16.00 Comezo dos torneos WGT de xogos.
Relatorio Blue Generation, benvidos ó futuro, a cargo de Miguel Churruca, director de Marketing de Blusens, que presentará en primicia a súa nova plataforma Blue Generation, sendo os participantes de XGN os primeiros que poderán probala. Asemade, tódolos asistentes poderán comprobar de preto o funcionamento destas novas tecnoloxías, e como se integra vía WiFi e Bluetooth cos reprodutores MP4 da compañía galega.
18.15 Relatorio O Desenvolvemento de xogos con DirectX/Xna a cargo de Miguel Ángel Ramos Barroso, MVP de Microsoft Ibérica.
19.30 Relatorio Emprego das TIC. O modelo Coremain, a cargo de Ana Álvarez Enriquez, xerente de Recursos Humanos da empresa galega Coremain.
20.00 Fast 2D (competición de debuxo rápido). O obxectivo deste concurso é crear unha imaxe estática, debuxada nun tempo límite e cunha temática fixados pola organización. Para iso poderanse utilizar programas de debuxo como Photoshop, Paint Shop Pro, Deluxe Paint, Painter, Promotion... usando para iso o rato ou a tableta gráfica.
20.00 Cea.
22.00 Hora límite de entrega: Fast 2D.
23.00 Hora límite de entrega: Música.
00.00 Acendido oficial.
Sábado 31
1.00 Hora límite de entrega. Fotos de Case-Mod.
8.00 - 11.00 Almorzo.
10.00 Comezo segundas eliminatorias de xogos.
11.00 Relatorio A robótica: presente e novos horizontes, por Joaquín López Fernández, profesor da Universidade de Vigo, grupo de robótica e sistemas intelixentes.
12.30 Relatorio Futuro dos medios de almacenamento: HD DVD e Blue Ray, por Juan Víctor Rodríguez Arós, Xefe de Servizo de Informática da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
14.00 – 17.30 Xantar.
16.00 Relatorio O software libre: oportunidade económica, social e cultural, por Marcelo D´Elia Branco, consultor de tecnoloxía para a sociedade da información, Jordi Mas i Hernández, enxeñeiro técnico pola Universidade de Catalunya, Javier Bustamante Doas, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Moderadora: Elena Veiguela Martínez, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
16.30 Competición de Case-Mod. Exposición por parte dos participantes, que tiveron ocasión de presentar a súa carcasa do PC ou consola modificada, xa sexa co fin de mellorar o rendemento do equipo ou de mellorar a súa estética. En todo o relacionado con este concurso e mostra xogarase previsiblemente con termos como “case mod”, “case modification” ou simplemente “modding”. Son verbas estrañas para os que non están familiarizados coa informática dos mozos, pero son de uso común nas Lan partys como XGN. Para os primeiros, dirémoslles que é moi posible que sexan modders sen sabelo. Como é posible? Moi sinxelo: o simple acto de poñer no noso escritorio unha imaxe distinta á que vén de serie e personalizalo é o primeiro paso do modding.
18.30 Competición lanzamento de disco.
18.30 Relatorio A xestión de contidos como elemento competitivo diferenciador na empresa moderna, por Manuel Rivas, director de Marketing de NEA.
19.00 Proxección do filme de Filmax Animation: Pérez, o ratiño dos teus soños.
20.00 Cuartos de final de xogos.
20.00 – 23.00 Cea.
22.00 Semifinais de xogos. Hora límite de entrega: Animación, Páxina Web e Gráficos 3D. Este ano, o concurso Páxina Web xirará arredor do seguinte tema proposto pola organización: Irmandiños: A revolta, un xogo de rol en vivo ambientado no século XV.
23.00 Torneo de Real Time Battle. Esta competición consiste na programación dun robot controlado por un programa que loita contra adversarios. A meta é destruír os inimigos, usando o radar para examinar o contorno e o canón para disparar.
Domingo 1
8.00 – 11.00 Almorzo.
10.00 Finais de xogos.
12.00 Proxección competicións: Case Mod (deseño caixas PC).
13.00 Hora límite de entrega: Gráficos 2D e Vídeo XGN.
14.00 Xantar.
18.00 Entrega dos premios e clausura.
