Xa é posible rexistrarse para participar no XGN R Encounter

xoves, 24 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O encontro informático Xuventude Galicia Net, este ano rebautizado como XGN R Encounter como referencia directa ao rol do operador de telecomunicacións R como patrocinador (e subministrador de conectividade) e da alianza coa rede Encounter (na que participan varios encontros deste tipo co patrocinio de Euskaltel), abriu hoxe a súa inscrición formal, de xeito que os usuarios xa poden completar todo o procedemento de reserva para facerse cunha das 1.044 prazas que estarán dispoñibles no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, sendo posible realizar tanto reservas a título individual como en grupo, permitindo esta última que os amigos que acudan xuntos á LAN Party poidan sentar xuntos.
Como novidade desta edición os participantes poderán seleccionar os postos nos que queren sentar tras confirmar a súa reserva de praza (pagando 30 euros por persoa), estando organizados os postos de xeito enfrontado e formando illas. No caso de non realizarse a reserva con antelación tamén será posible participar no encontro aboando 40 euros na propia party.
O encontro informático desenvolverase de xeito ininterrompido entre os días 8 e 10 de setembro contando cunha conexión simétrica á Rede de 10 Gbps para poder garantir unha boa calidade de acceso para os preto dun milleiro de ordenadores que poderán instalarse en Silleda para gozar de xogo en liña e moitas outras actividades ás que tamén completarán xogos e concursos tradicionais, conferencias, relatorios... que iranse detallando na páxina web do evento nos vindeiros días.

PUBLICIDADE