Xa está aberta a inscrición para o terceiro NOS Day

luns, 10 de abril do 2017 Marcus Fernández

A comunidade de emprendedores Startup Galicia, na súa procura dun ecosistema que fomente o desenvolvemento empresarial en Galicia a través da colaboración e a transmisión de coñecemento organiza a terceira edición do Northwest Startup Day (NOS Day), foro que terá lugar o sábado 17 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela nunha completa sesión de tarde que botará a andar ás 16:00 horas.
O programa deste encontro é bastante completo, comezando cun relatorio de Carina Szpilka, fundadora de KFund, fondo de venture capital que inviste nas fases iniciais de startups tecnolóxicas; seguiralle David Bonilla, director xeral de Comalatech, compañía de software canadiana que principalmente desenvolve engadidos para produtos de Atlassian (Bonilla tamén fundou Otogami); e completará a primeira quenda de charlas Angélica Lozano, directora técnica de mLean, unha startup con base en Valladolid que acompaña a fabricantes e provedores do sector da automoción no seu camiño cara á Industria 4.0.
A partires das 19:00 horas están confirmadas as participacións de Eloi Gómez, director xeral de MrJeff, empresa tecnolóxica que desenvolve servizos de tintoreiría e lavandaría; e Alejandro Marín, fundador de ForoCoches. A estes convidados incorporarase algún máis nas vindeiras semanas.
Este foro organizado por Startup Galicia conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o patrocinio do Concello de Santiago e de Elogia. Os interesados en acudir pode xa adquirir o seu billete en liña, que custará 30 euros para os que se inscriban antes do 8 de maio e 50 euros ao que merquen o billete con posterioridade.

PUBLICIDADE