Xavier Alcalá impulsará a influencia tecnolóxica da UDC no tecido produtivo

venres, 6 de setembro do 2013 Redacción

Alcalá, á esquerda da imaxe, durante o acto de celebración do décimo aniversario de Código Cero

O escritor e enxeñeiro en Telecomunicación (e colaborador de Código Cero) Xavier Alcalá vén de ser nomeado xefe do Gabinete de Relacións Científico-Tecnolóxicas da Universidade da Coruña, departamento dependente da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia. Segundo informa a UDC, o novo gabinete insírese nas accións da Oficina de Transferencia de Resultados (OTRI), cuxa xerencia ostenta Pilar Pintor. O nomeamento de Xavier Alcalá, engádese, ten como finalidade impulsar e fortalecer as relacións científico-tecnolóxicas entre os investigadores da Universidade da Coruña co sector produtivo e empresarial e no ámbito da área de I+D+i internacional.
Como lembraremos, Xavier Alcalá é doutor en Informática pola Universidade da Coruña, na que exerceu como profesor entre os anos 1996 e 2012. Tamén foi director da Oficina de Programas Internacionais de I+D da Xunta e un dos principais impulsores das iniciativas que, como En galego tamén se fai ciencia, diríxense a normalizar o uso da nosa lingua nos planos tecnolóxicos e investigadores. Como escritor deu ás nosas letras obras tan senlleiras como A nosa cinza, Cárcere verde ou Alén da desventura, entre outras moitas. Recentemente, en Código Cero tivemos ocasión de volver colaborar con el con motivo da celebración dos dez anos da nosa revista na rúa.