Xesol, distinguida nos Premios de Industria e Enerxía pola súa visión artificial para a mobilidade segura
xoves, 23 de maio do 2024
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a Organización de Palangreiros Gardeses (ORPAGU), a Universidade de Vigo, BETA Implants, UNVI (Unidade de Vehículos Industriais do Grupo Pérez Rumbao), Enor Ascensores, Xesol Innovation e o Concello de Vigo foron as entidades e empresas distinguidas cos Premios de Industria e Enerxía de Galicia 2024. A maiores, o xurado concedeu unha Mención Especial a UROVESA, empresa con sedes en Valga e Santiago, pola súa traxectoria na construción de vehículos especiais de gran tonelaxe e capacidade. Houbo proxectos netamente tecnolóxicos, como o xemelgo dixital do CTAG ou o bus intelixente de UNVI. Tamén cómpre salientar a contribución da viguesa Xesol Innovation, distinguida pola súa solución baseada en redes neuronais aplicadas á Visión Artificial orientada á Industria 4.0.
Os galardóns foron convocados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) co obxectivo de “recoñecer e premiar as mellores traxectorias e a implantación de boas prácticas nos eidos da industria e a enerxía en Galicia, así como as contribucións realizadas polos profesionais ou entidades nestes tres últimos anos”, explicou Julio García Cordonié, decano do ICOIIG e presidente da AIIG.
A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarase na Gala da Industria e Enerxía de Galicia o venres 31 de maio, a partir das 20:00 horas, no auditorio da Sede Afundación en Vigo.
O CTAG e ORPAGU foron galardoados co Premio á mellor actuación en industria polo seu proxecto Xemelgo dixital na industria frigorífica. Aplicación de tecnoloxías disruptivas na industria tradicional. Servíndose dun modelo virtual de frigorífico, os expertos do CTAG descubriron o sistema idóneo para a descarga e clasificación do peixe buscando entre tecnoloxías que xa se utilizan noutros sectores, como o da automoción ou o cárnico. Para lograr o resultado desexado, o CTAG tivo en conta aspectos como a produtividade, a ergonomía, a rastrexabilidade ou a diferenciación. Así, decantáronse por unhas cintas de clasificación por talles, con dúas liñas diferenciadas, unha para a quenlla e outra para o peixe espada.
O Premio á mellor actuación en enerxía recaeu na Universidade de Vigo por implementar diversas iniciativas de enerxía renovábel e eficiencia enerxética nos últimos anos. O xurado destacou o compromiso da instalación coa sustentabilidade ambiental a través da instalación de paneis solares, dun sistema de calefacción de distrito (District Heating), a integración da biomasa e a enerxía solar na rede de calefacción de distrito e polo feito de que está a planificar a instalación dun xerador, reforzando aínda máis o seu compromiso coa sustentabilidade e independencia enerxética.
BETA Implants recibirá o Premio Innovación Industrial como empresa biotech máis innovadora polo desenvolvemento de novos implantes e próteses deseñados especificamente para o sector da traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria. Unha innovación que converteu a esta firma radicada en Mos (Pontevedra) nunha empresa de referencia no sector da Enxeñería Biomédica a nivel internacional, co I+D+i como parte do seu ADN.
O Premio de Innovación Enerxética foi para UNVI (Unidade de Vehículos Industriais do Grupo Pérez Rumbao) polo seu Vehículo ec24s. Trátase dun minibús 100% eléctrico, conectado, cunha xestión eficiente entre o vehículo e a carga e que é capaz de dar cobertura ás necesidades das cidades, en zonas máis céntricas, zonas vellas con difícil acceso e barrios con plans urbanísticos máis complexos. O xurado valorou que o microbús desenvolvido na factoría de UNVI en San Cibrao das Viñas (Ourense) mostra “unha excelente maniobrabilidade e solvencia en orografías moi complexas grazas ao seu deseño innovador e diferencial: reducidas dimensións (7 metros de longo), ata 289 kWh de capacidade de baterías, 200 kW de potencia e unha capacidade de pasaxeiros superior a outros vehículos da súa categoría (ata 41 persoas)”.
Enor Ascensores foi distinguida co Premio de Seguridade Industrial. O xurado destacou que a seguridade sempre foi primordial para a empresa desde os seus inicios en 1951 e que, coa súa integración en 2013 ao grupo multinacional OTIS, este piar viuse reforzado con rigorosos procedementos e controis de seguridade que levou a Enor a unha evolución excepcional nesta materia e a non ter ningún accidente con baixa nos últimos 5 anos.
O Premio de Seguridade en Industria 4.0 recaeu en Xesol Innovation pola súa solución baseada en redes neuronais aplicadas á Visión Artificial orientada á Industria 4.0, que ten como obxectivo salvar vidas proporcionando seguridade na contorna laboral industrial mediante o uso de sistemas a bordo dos vehículos industriais (Drivox). O sistema incrementa a seguridade dos traballadores evitando colisións e atropelos, grazas ao envío de alertas visuais e sonoras ao condutor por parte do dispositivo e reducindo a velocidade da máquina, se así se desexa. Ademais, tamén proporciona sistemas para infraestruturas destinados a garantir a seguridade da contorna mediante a creación de zonas de interese (Horux TW).
Finalmente, o Concello de Vigo foi galardoado co Premio á Sustentabilidade na Sociedade pola súa xestión sostíbel e integrada dos residuos municipais de Vigo e a súa valoración dentro do marco europeo de estratexia de economía circular.
Por outra banda, o xurado acordou outorgar unha Mención Especial a UROVESA (Uro Vehículos Especiais SA) pola súa traxectoria na construción de vehículos especiais de gran tonelaxe e capacidade, concretamente todoterreos e camións, para uso militar e/o industrial. Unha empresa cuxas instalacións de produción están situadas en Valga (Pontevedra), pero cuxo departamento de postvenda e asistencia técnica está emprazado en Santiago de Compostela (A Coruña). Con estas instalacións, a súa capacidade produtiva chega a alcanzar os 5.000 vehículos/ano.