Xiaomi abrirá tenda en liña nos EE.UU., pero só de accesorios

venres, 13 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Non son poucas as veces que ao falar da internacionalización de empresas chinesas como Xiaomi se comenta que as patentes son un grande freo para que algunhas compañías poidan chegar a mercados como o norteamericano e o europeo, polo que sorprende que a citada compañía chinesa anuncie que vai abrir unha tenda en liña nos EE.UU. nos vindeiros meses, pero finalmente non parece que vaian ter que superar grandes atrancos iniciais, xa que o novo establecemento virtual non vendería tabletas nin smartphones, senón que limitaría o seu catálogo aos cada vez máis populares accesorios da marca Mi.
Polo momento parece confirmado que a nova tenda de Xiaomi venderá baterías portátiles (que gozan actualmente de grande sona mundial, estando dispoñible en case todo o mundo a través de numerosos importadores) e auriculares (que son tamén moi ben recibidos pola súa relación calidade-prezo), mentres que os produtos de máis empaque si terían problemas para poder comercializarse nos EE.UU.
A expansión internacional de Xiaomi limítase polo momento a mercados asiáticos, estando preparando o seu pronto desembarco en países como Brasil e Rusia, aínda que tamén podería chegar en breve a outros países de Asia, América Latina e Oriente Próximo. De todos os xeitos non todos os produtos estarán dispoñibles en moitos mercados, senón que o seu espallamento será progresivo, por os atrancos que supón ter que localizar o software e o hardware e incluso ter que dar o servizo de atención ao cliente axeitado.
Pero, por que Xiaomi quere ter presenza oficial en numerosos mercados se os seus produtos xa se venden globalmente a través de terceiros? Pois a chave de todo isto parece estar nos servizos. Unha vez que Xiaomi coloque o seu hardware, e gañe cota de mercado, terá máis doado ofrecer aos seus seareiros servizos baseados na Internet que poidan facilitar que a empresa consiga beneficios, na liña do que tamén fai Apple (que, aparte da venda de dispositivos tamén ten as súas tendas de aplicacións e contidos).