Xuventude Galiza Net esgota as súas prazas en 28 segundos

luns, 28 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe da edición de 2007 de XGN

O encontro informático Xuventude Galiza Net 2008, organizado pola Vicepresidencia da Xunta a través da Dirección Xeral de Xuventude, volveu a repetir o seu éxito de preinscrición o pasado sábado ás 17:00 horas, esgotando as 1.500 prazas dispoñibles en só 28 segundos, aínda que aceptaron preinscricións posteriores para poder cubrir as prazas vacantes no caso de que algunha persoa non complete a súa inscrición.
As prazas adxudicáronse por orde de chegada, e os usuarios interesados en asistir a festa informática deberán formalizar o pagamento de 37 euros (27 no caso de posuír o Carné Xove ou o Carné Máis).
Xuventude Galiza Net celebrarase entre os días 14 e 16 e marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela.