Yoigo sube este xoves os prezos malia as denuncias de FACUA

luns, 4 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

En materia de tecnoloxía, telecomunicacións e promoción, cóspese tanto contra o vento coma en calquera outro sector. E ás veces, incluso máis. Esta é a imaxe final que lle quedou a unha boa parte dos usuarios da compañía Yoigo (que baseou unha porcentaxe importante da súa estratexia comercial en poñerse a si mesma como oposta ás grandes operadoras e as súas caprichosas subidas de prezos), cando souberon que a conxelación dos custes para o usuario tamén comprendía un futuro desconxelamento.
Leas aparte e tal como falamos nesta mesma web hai unhas semanas, todo ten un final, ata a promesa da operadora de “nunca subir as súas tarifas”, polo que a partir deste xoves poderemos comezar a sufrir nas nosas propias carnes o verdadeiro efecto dese incumprimento, co establecemento de chamada un 25% máis cara nun dos seus planes de prezo (o do 0), ou sexa que en troques dos 12 céntimos máis Ive que custa agora pasará aos 15 máis impostos.
O caso, que por desgraza non tería nada de raro se estivésemos a tratar dunha empresa normal do eido das telecomunicacións, é especialmente rechamante se temos en conta que a firma de orixe sueca conseguiu facerse cunha boa parte de usuarios asegurando que no seu seo non se ían dar ese tipo de casos de subida. Con todo, semella que haberá repercusións: a asociación de consumidores FACUA xa anunciou que vén de interpoñer unha denuncia contra Yoigo no Instituto Nacional de Consumo e perante a Comunidade de Madrid por incumprimento de compromiso publicitario.
A plataforma tamén aproveita para lembrarlles aos clientes da compañía sueca que está á súa disposición a solicitude de baixa da empresa sen ter que pagar penalización algunha por rematar os seus contratos con anterioridade a prazos de permanencia.