esLibre26 leva o software libre ao rural e reúne en Melide preto de 200 asistentes

luns, 20 de abril do 2026 Redacción

O congreso estatal esLibre26 pechou en Melide tras dúas xornadas de actividade que reuniron preto de 200 asistentes, consolidando unha comunidade activa arredor do software libre, a tecnoloxía aberta e o coñecemento compartido. O encontro, que nesta edición se trasladou ao rural galego, puxo o foco tanto nos contidos técnicos como na dimensión social e comunitaria destas prácticas.
A cita arrancou cunha primeira xornada centrada na educación, a accesibilidade e o papel do software libre nas institucións públicas. Máis dun cento de persoas participaron nun programa que incluíu unha ducia de charlas e varios talleres orientados ao intercambio de coñecemento. Iniciativas como eXeLearning ou propostas baseadas en plataformas abertas con intelixencia artificial abordaron novas formas de creación e difusión de contidos formativos, mentres que o debate arredor dos Recursos Educativos Abertos puxo de relevo o seu potencial para democratizar o acceso á aprendizaxe.
A irrupción da intelixencia artificial no ámbito educativo foi tamén un dos temas destacados, con proxectos internacionais que analizaron os retos derivados da súa incorporación ás aulas e a necesidade de repensar os modelos pedagóxicos desde unha perspectiva aberta. A accesibilidade, pola súa banda, foi tratada como un dereito fundamental, destacando o papel do software libre como ferramenta para garantir o acceso universal á tecnoloxía.
No plano institucional, exemplos como a implantación de LibreOffice en administracións públicas evidenciaron o potencial destas solucións para reforzar a soberanía tecnolóxica e a independencia das entidades. Ademais, o encontro acolleu a XIII Xornada de Usuarios de R en Galicia, reforzando a conexión entre o ámbito científico e o ecosistema do software libre.
A segunda xornada ampliou o foco cara á soberanía dixital e as infraestruturas abertas, con propostas que exploraron a relación entre xornalismo e intelixencia artificial, así como os desafíos éticos e tecnolóxicos dos modelos de linguaxe ou da IA autoaloxable. Xunto a estes contidos, tiveron presenza iniciativas de intercooperación, ciberactivismo e economía social, así como cuestións vinculadas á transición enerxética, o autoconsumo ou a protección de datos.
O programa técnico completouse con talleres e relatorios sobre programación, desenvolvemento web, creación musical, produción audiovisual e electrónica, evidenciando a diversidade e madurez do ecosistema do software libre.
Máis aló das sesións formais, esLibre26 destacou polo seu carácter comunitario e pola integración co territorio. A inauguración contou coa participación da gandeira e creadora de contido Lucía Casal, que reivindicou o valor do rural como espazo para desenvolver proxectos e comunidade, nun acto que incluíu tamén música tradicional local. Ao longo dos dous días organizáronse actividades paralelas como rutas guiadas, exposicións ou encontros informais, reforzando os vínculos entre tecnoloxía, cultura e identidade local.
Desde a organización subliñouse o papel clave do voluntariado e da comunidade local, así como a relevancia de levar un evento destas características fóra das grandes cidades. «É un orgullo traer esLibre a Melide», sinalou Rafael Gaioso (organizador do congreso e membro de MeLiSA), destacando que a resposta do público e o ambiente xerado consolidan o encontro como un punto de referencia no ámbito do software libre.