nVIDIA Broadcast permite simular que miramos a cámara durante directos e videoconferencias

xoves, 12 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A ferramenta de nVIDIA que permite mellorar as nosas videoconferencias e directos multimedia dende o fogar aplicando tecnoloxías que permiten eliminar ruídos de fondo ou colocar fondos virtuais, nVIDIA Broadcast, vén de actualizarse á versión 1.4 incorporando unha funcionalidade, dispoñible para quen teña unha gráfica nVIDIA GeForce RTX da serie 30 ou 40, que mudará substancialmente a percepción que deamos nas comunicacións en vídeo, xa que aplica un efecto de movemento nos ollos da persoa para que establezan contacto visual coa cámara, procurando manter unha cor de ollos natural e mesmo os pestanexos, polo que mentres miramos á pantalla do ordenador parecerá que estamos a mirar á persoa á que nos diriximos, mirándoa aos ollos.
Esta funcionalidade non só dará unha maior naturalidade aos videoconferencias, senón que tamén resulta moi práctica para creadores de contido que queiran ler un guión dando a impresión de que seguen a mirar a cámara e sen ter que utilizar un teleprompter.
Dende nVIDIA lembran que esta nova prestación está en probas, polo que irá mellorando paulatinamente, xa que recoñecen que ante os millóns de combinacións de ollos e iluminacións é complicado afinar perfectamente o efecto, polo que convidan aos usuarios a mandarlles vídeos de proba para axudar a afinar a intelixencia artificial que fai posible esta característica de nVIDIA Broadcast.
A aplicación tamén inclúe outras novidades nesta actualización, como unha mellora na aplicación de fondos virtuais, que combinado con efectos de desenfoque de fondo pode conseguir que unha imaxe captura por unha webcam poida dar a impresión de estar tomada por unha cámara cunha mellor óptica.
A aplicación tamén integra un par de novos botóns que permiten tomar capturas da webcam e tamén pór en espello a imaxe (funcións moi demandadas polos usuarios).

PUBLICIDADE