A 10ª edición da D3Mobile Metrology World League entrega os seus galardóns en Lugo
martes, 20 de xuño do 2023
O
equipo
Blackleds, do colexio A Toscana Lisboa, de Bogotá (Colombia),
proclamouse campión da X D3Mobile Metrology World League,
certame internacional de escaneado 3D de precisión con dispositivos
(tableta ou móbil) convocado polo grupo de investigación CIGEO da
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
Este martes 20 de xuño celebrouse na Escola a entrega de galardóns
da décima edición dun campionato científico que conta con
financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo
e en cuxa organización tamén colaboran o Centro Español de
Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG).
A
cerimonia de entrega de premios da décima edición da D3Mobile
desenvolveuse no marco dun acto presencial, aínda que retransmitido
en streaming para todo o mundo, que estivo presidido polo vicerreitor
de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga.
O subdirector da EPS de Enxeñaría, Emilio Carral; a coordinadora do
Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO), Mariluz
Gil Docampo; o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico
Nacional (IGN) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda
Urbana (MITMA) en Galicia, Pablo Carballo Cruz, e o director do
proxecto D3Mobile, o profesor Juan Ortiz, tamén participaron na
clausura dunha iniciativa científica que nesta edición permitiu
difundir o Campus Terra da USC e, nomeadamente as titulacións
impartidas na EPS de Enxeñaría, entre os 126 estudantes e 32
profesores de 28 centros educativos de 8 países de todo o mundo que
tomaron parte neste certame.
O
xurado acordou proclamar campións da categoría Metrólogos aos
integrantes do equipo colombiano Blackleds, integrado polas
estudantes Mariluz Pedroza Garizao e Yesica Lorena Santamaria,
acompañados polo profesor Roberto Alayón Palacios. A decisión
deste tribunal produciuse logo de avaliar tanto a capacidade de todos
os participantes para realizar medicións con precisión e
exactitude, como a calidade visual dos modelos escaneados en 3D por
todos eles. Este equipo de Bogotán, na segunda das probas propostas,
escaneou a figura dunha boneca, mentres que na terceira, conseguiu un
erro medio inferior a 0,04 milímetros nas medicións realizadas nun
modelo 3D de 350 mm de diagonal maior.
O
equipo italiano Enduro, do ITTS Silvano Fedi-Enrico Fermi de Pistoia,
proclamouse subcampión deste torneo, dirixido a que promesas STEM en
etapa escolar adquiran algunhas das denominadas habilidades do século
XXI. Os italianos Luca Nitti e Giacomo Ingrao, coordinados polo
profesor Paolo Papini, obtiveron a segunda mellor puntuación tras
escanear en 3D parte do motor dun vehículo e baixar na terceira
proba de 0,08 mm de erro medio.
Pola
súa banda, os gañadores do premio ao modelo 3D máis votado polo
público foron os integrantes do equipo The Ruling, do Gölcük
Ihsaniye Mesleki Ve Teknik Anadolu Lisesi, de Gölcük (Turquía).
Este equipo, formado polos alumnos Elberr Şengül e Ahmet Murat
Çayakar, baixo a coordinación do profesor Mustafa Toruntay,
conseguiu promocionar o seu modelo 3D dunha figura da Torre Eiffel
ata ser o máis apoiado polos votantes.
Premios
IES Muralla Romana de Lugo
As
alumnas do IES Muralla Romana de Lugo, Jennifer Fernández Fariñas e
Aitana López, coordinados pola profesora Marta Goy, proclamáronse
campioas mundiais na categoría Artistas 3D, co modelo do coñecido
pavo real de Sargadelos. As súas compañeiras no instituto lugués
Lorena Pérez Vázquez e Lucía Ferández, lideradas tamén pola
docente Marta Goy, gañaron a fase provincial do certame co modelo
dunha coral escaneado en 3D. Asemade, as tamén alumnas do IES
Muralla Romana de Lugo Noemí Díaz Pérez e Lucía Fernández, coa
colaboración da mesma docente como titora, convertéronse no equipo
mellor clasificado de Galicia con outro modelo de coral escaneado en
3D.