A Axencia Tributaria potenciará o uso das TIC

xoves, 14 de xuño do 2012 Redacción

Elena Muñoz (á dereita) anunciou que a Axencia Tributaria potenciará o uso das TIC

A Axencia Tributaria de Galicia anunciou este mércores 13 de xuño que unha das súas liñas estratéxicas a curto, medio e longo prazo será a potenciación das novas tecnoloxías, tanto a nivel de uso interno como na interactuación coa cidadanía. Asemade, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, fixo saber (en resposta a unha pregunta no Parlamento), que a Axencia fará especial fincapé en cuestións como a asistencia ao contribuínte ao a loita contra a fraude fiscal (detectando os incumprimentos e aumentando a percepción de risco en caso deses ditos incumprimento).
Polo que respecta á potenciación das novas tecnoloxías da información e a comunicación, segundo fixo saber Elena Muñoz, son a día de hoxe un elemento fundamental para acadar “o máis perfecto funcionamento dos servizos tributarios, grazas a un aforro de tempo e custos, ademais de mellorar a eficacia e a imaxe pública”. De xeito complementario, a conselleira indicou que “para lograr unha axeitada visibilidade das funcións de asistencia ao cidadán procederase á súa separación das funcións de xestión tributaria, nas que está actualmente incluída, o que á súa vez permitirá mellorar a eficiencia e eficacia nas actuacións de control extensivo”.

PUBLICIDADE