A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e Imaxin achegan dous obradoiros creativos para rapaces baseados nas TIC
venres, 13 de decembro do 2013
- A biblioteca pública de Santiago, fotografada por Joaquín Vilas
A
Biblioteca Pública
Ánxel Casal de Santiago de Compostela presentou esta semana dúas
interesantes actividades de dinamización arredor das TIC. Máis polo
miúdo, trátase de dous obradoiros tecnolóxicos a desenvolver polos
profesionais da empresa galega Imaxin,
responsábel entre outras moitas cousas do tradutor Opentrad,
a
ferramenta Carvalho ou o tradutor
Gaio para os traballadores das administracións galegas. O
obxectivo destas actividades, informa a dirección da biblioteca, é
amosar novos usos da tecnoloxía para potenciar a creatividade e a
adquisición de coñecementos. Para poder participar neles é
necesaria a inscrición previa chamando ao 881 999 401 ou dirixíndose
ao mostrador de información do andar baixo da biblioteca.
O
primeiro destes obradoiros, Crea
o conto multimedia do Apalpador,
vai dirixido a nenos de 7 a 10 anos e desenvolverase
os días 16 e 18 de decembro ás 18.30 horas
na sala
infantil.
O número máximo de participantes é de 12. Nesta actividade
empregarase a plataforma en
liña
Mydocumenta que permitirá aos pequenos crear, publicar e compartir
contos multimedia sobre a
figura do
Apalpador. “Con este obradoiro a Biblioteca adiántase así á
celebración do Nadal”, informan
fontes do centro.
O
segundo obradorio, Recreamos
a historia do libro con Realidade Aumentada (RA),
diríxese a rapaces entre 10 e 14 anos e desenvolverase
os días 17 e 19 de decembro ás 18.30 horas,
tamén
na sala
infantil.
O número máximo de participantes é de 12. Nesta actividade
escribirase de forma colaborativa unha historia sobre a evolución do
libro e o seu contexto (desde Mesopotamia ata a actualidade pasando
por Exipto, Grecia, Roma...), para logo
recreala empregando a tecnoloxía da realidade
aumentada.
“Esta tecnoloxía”, informan
fontes do centro,
“combina elementos da realidade física con outros virtuais para a
creación dunha realidade mixta en tempo real”. Con este obradoiro
a biblioteca
quere celebrar o Día da Edición que se conmemora o 17 de decembro
con motivo do aniversario do nacemento en 1895 do que fora editor e
alcalde de Santiago, Ánxel Casal.