A CRTVG rexistra un superávit de 2,1 millóns de euros
venres, 28 de xuño do 2024
Por décimo quinto ano consecutivo, a CRTVG rematou o exercicio pasado coas contas en superávit. A Corporación pechou 2023 cun resultado orzamentario positivo por un importe de 2,1 millóns de euros, como reflicten as contas anuais presentadas este venres no Parlamento de Galicia polo director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.
Sánchez Izquierdo lembrou que a actual dirección recibiu en 2009 unha Corporación cunha débeda de 51 millóns de euros, e que a través da nova xestión e control de gastos, e con orzamentos menores que en anos precedentes, en 2013 conseguiuse eliminar a débeda bancaria e, en 2023, pechar o ano co saneamento do 88% da débeda herdada.
De cara ao futuro e coa solidez financeira que sinalan as contas anuais, o director xeral salientou que a CRTVG mantén unha perspectiva estratéxica e que incorporará á xestión operativa “unha visión de permanente estado de cambio que precisa dun esforzo adicional para abordar os desafíos da transformación dixital asociada a unha crecente competitividade, mantendo as capacidades das marcas tradicionais TVG e Radio Galega, e simultaneamente atendendo as necesidades crecentes dos medios dixitais, baixo o obxectivo de manter unha coherencia nos custos”.
Audiencias
Respecto dos datos de audiencias, Sánchez Izquierdo fixo tamén balance desta primeira metade do ano e da temporada 23/24 (de setembro a xuño). Explicou o director xeral que nestes primeiros meses de ano a TVG acadou unha cota de pantalla do 8,6%, superando a media da FORTA en máis de medio punto.
Preguntado polas oscilacións de audiencias dos últimos meses reflectidas por Kantar Media, o director xeral explicou que o medidor asumiu unha penalización pola mingua do panel que representa a CRTVG nestes primeiros meses de 2024. Esta penalización só tivo que ser activada dúas veces nos últimos 15 anos, en 2019 e neste 2024 tras a análise das anomalías nos resultados das medicións.
Destacou así mesmo os datos da plataforma de AGalega.gal, a OTT da CRTVG, lanzada en xaneiro de 2024, acadou máis de 795.000 usuarios únicos e máis de 80.000 descargas entre dispositivos IOS e Android.