A UDC clausura a primeira quenda do campamento ALDABA-TIC Camp 2024

venres, 28 de xuño do 2024 S. P.

Este venres 28 de xuño pola mañá celebrouse na aula de Graos da Facultade de Informática da UDC a clausura e entrega da primeira quenda do ALDABA-TIC Camp: Misión nas Profundidades, un campamento tecnolóxico de verán dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que se desenvolve de maneira simultánea no campus da Coruña (UDC) e o de Ourense (UVIGO) e no que o 80% das prazas están reservadas para elas.
Durante o Camp, as nenas e nenos participantes aprenderon xogando sobre adestramento con drons, creación de ferramentas en 3D, construción e programación de robots, entre outros aspectos relacionados coa tecnoloxía. Todo iso ambientado nunha misión ás profundidades do mundo submarino.
A Cátedra ALDABA-WIB
A Cátedra Interuniversitaria ALDABA-WIB (Women, ICT & Business), participada xunto á consultora Aldaba pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo (UVigo), constituíuse para contribuír a paliar a fenda de xénero nos estudos TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), unindo forzas con ambas as universidades para poñer en marcha iniciativas que eliminen os estereotipos de xénero asociados ás profesións TIC e dar visibilidade a referentes femininos neste campo.
Na Coruña, o Camp está parcialmente subvencionado polo Consello Social da UDC, contribuíndo así aos custos da matrícula.

PUBLICIDADE