A Xunta activa unha nova convocatoria de bonos dixitais para familias vulnerábeis
venres, 28 de xuño do 2024
O Diario Oficial de Galicia publicou este venres 28 de xuño a terceira convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación e mantemento de servizos de internet a familias e persoas vulnerábeis. Enmarcada no Programa estatal ÚNICO Bono Social, financiado pola Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, esta nova liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros que permitirá acadar os 4.844 beneficiarios.
Segundo explica a Xunta, o obxectivo dos bonos dixitais é “facilitar a familias ou persoas vulnerábeis a contratación ou o mantemento das liñas de conexións á banda larga cunha velocidade mínima de 30Mbps”.
As axudas reducirán o custe mensual de factura ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros.
O Goberno galego salienta que entre as novidades desta terceira convocatoria atópase unha que facilita os trámites a realizar: que o Goberno de España permite agora a subvención dos servizos xa contratados nos fogares sen necesidade de realizar novas altas.
Os beneficiarios destas subvencións son persoas cunha renda anual inferior ao 125% do IPREM, en caso de non ter menores na unidade familiar; ou ao 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de RISGA, do Ingreso Mínimo Vital, así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social. Os bonos poderán solicitarse ata o 30 de setembro deste ano.
O Goberno galego prevé lanzar unha nova convocatoria dos bonos dixitais este ano, xa que aínda dispón de 1.162.560 euros dos 1.378.560 euros transferidos polo Estado.
Os bonos dixitais son unha das medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio.
Ademais desta liña de axudas para colectivos vulnerables, este ano a Xunta porá en marcha novas convocatorias do Programa ÚNICO no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do cal Galicia recibe 19,1 millóns de euros da Unión Europea. Concretamente, convocaranse as correspondentes liñas de axudas para o reforzo da conectividade en polígonos industriais e centros loxísticos e para a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios.