Redondela achega este verán novos cursos de informática para a rapazada

venres, 28 de xuño do 2024 S. P.

A Concellería de Novas Tecnoloxías de Redondela que dirixe Antonio Cabaleiro oferta cursos de formación no mes de xullo para a rapazada de entre 7 e 12 anos de idade. As clases de informática impartiranse en horario de mañá nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela. Nas clases os nenos e nenas, distribuídos en grupos de idade, aprenderá a través de xogos didácticos e achegaránselles nocións básicas de Internet, os sistemas operativos Windows e Linux, o programa educativo Gcompris e tarefas sinxelas de ofimática, entre outras cuestións.
En Redondela as clases serán os luns e mércores, do 8 ao 31 de xullo, en horario de 10.30 a 11.30 e de 12.00 a 13.00 horas. Na Aula CeMIT de Chapela as clases serán os martes e xoves desde o 9 de xullo ata o 1 de agosto, en horario de 10.30 a 11.30.
A actividade é de balde, e as prazas serán asignadas por orde de inscrición. As instancias para participar nos cursos pódense recoller na páxina web de Redondela (www.redondela.gal), no Centro de Formación A Marisma (ao carón da Piscina Municipal) e no Multiusos da Xunqueira en Redondela. En Chapela pódense solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.
Esta actividade forma parte dos cursos de formación que ao longo de todo o ano se ofrecen nas aulas CeMIT de Redondela e Chapela, que neste caso queren ofrecer ferramentas ás familias “para que nenos e nenas teñan un correcto coñecemento das novas tecnoloxías, algo fundamental para o seu desenvolvemento”, sinala Cabaleiro.
O departamento de Novas Tecnoloxías realiza cursos de xeito periódico “para que toda a veciñanza, tanto nenos como adultos e persoas de idade avanzada, conten coas ferramentas precisas para aproveitar toda a potencialidade de internet, ben sexa para o ocio ou para a realización de tarefas e xestións cotiás”, apunta o edil.
Máis información no departamento de Novas Tecnoloxías, no Multiusos da Xunqueira, ou no teléfono 986 400 366.
Talleres para adultos no mes de xullo
Ademais, no mes de xullo as Aulas Abertas ofrecen obradoiros para adultos, onde poden consultarse dúbidas para consultas e xestión de trámites online co Concello, a través do móbil ou tableta. En Redondela será todos os venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. Na Aula Aberta de Chapela será os martes e xoves, de 11:30 a 13:30 horas.

PUBLICIDADE