Experiencia Grow Up 2024 reúne en Zona Franca a máis de 100 profesionais da mercadotecnia e a comunicación

venres, 28 de xuño do 2024 S. P.

Máis dun centenar de profesionais da nova mercadotecnia e a comunicación participaron este venres 28 de xuño no Experiencia Grow Up 2024, un evento de referencia sobre este sector estratéxico que sitúa a Vigo no epicentro da industria do marketing e que celebrou a súa terceira edición na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo na rúa Areal.
Experiencia Grow Up, que contou co apoio do Consorcio da Zona Franca de Vigo, de ClickAge e de Raiola Networks, estivo baseado en tres premisas: a experiencia dos casos de éxito, a aplicación práctica dos coñecementos en mercadotecnia e o traballo en rede (networking).
Na cita, que tamén foi retransmitida vía streaming, participaron como relatoras Diego Ruiz, xestor de desenvolvemento de axencia en Google; Emanuele Riccioti, director executivo da axencia de mercadotecnia ClickAge; Sergio Ramírez, CMO de Raiola Networks; Lorena Poza Díaz, directora de Marketing en Bizum; Sara Torreiro, responsábel de Marketing en Casa Grande de Xanceda; Angélica Falagán, directora do Espaço Guimarães en Klépierre Iberia; Jorge Bialade, responsábel de Crecemento en Velca; Lucas González, co-fundador de Fresh Greens; e Silvia Martí Ferrer, directora de Marketing e Comunicación de EasyPromos.
Como crear unha love brand, o caso de Casa Grande de Xanceda; as promocións dixitais como ferramenta para captar leads e xerar compromiso; as novas tendencias en Intelixencia Artificial aplicadas a negocio e mercadotecnia; o caso de éxito de Bizu; a creatividade en centros comerciais como ferramenta para crear accións innovadoras que logren conectar co pública; o caso de éxito de Velca (segunda marca máis vendida en España de motos eléctricas); ou o caso de éxito de Fresh Greens foron algúns dos temas protagonistas.

PUBLICIDADE