A Cámara de Santiago organiza mañá unha xornada sobre como xestionar un negocio na Rede
martes, 3 de novembro do 2015
A Cámara de Comercio de
Santiago organiza este mércores unha
xornada de balde para a xestión integral dun negocio a través da
Rede. A actividade, que comeza ás 11:00 horas no salón de actos
da entidade, está dirixida “ao público en xeral” pero
concibiuse para achegar especial interese a directivos, altos
executivos e pequenas e medianas empresas (PEME) do sector da moda e
complementos. Os organizadores da xornada parten dunha premisa (o
moito que se teñen afianzado as novas ferramentas no plano comercial
e empresarial, e o motivo que se van seguir afianzando no futuro)
para lembrar aos participantes que a día de hoxe “é impensábel
para unha empresa levar a administración, a xestión e a
comunicación sen o uso de plataformas dixitais”. Neste senso, o
obxectivo é axudar ás empresas a adaptarse plenamente a esta nova
contorna.
Mediante esta formación,
os asistentes coñecerán o uso dos sistemas de xestión ou ERP
(Enterprise Resource Planning) que permiten xestionar de
maneira rápida e sinxela os cobros, o almacén de produtos, os
envíos, as bases de datos de clientes ou a contabilidade da empresa
desde un mesmo sitio web. Por outra banda, na xornada explicarase
como atraer a potenciais clientes e usar unha correcta planificación
e estratexia da comunicación en medios sociais.
A conferencia será
impartida polo responsábeis de medios sociais da empresa Unayta,
Andrés Rozados, que explicará punto por punto os diferentes pasos a
seguir para elaborar unha axeitada programación da xestión
empresarial a nivel interno e externo. Ao rematar o relatorio, os
asistentes poderán solicitar unha auditoría sobre a súa empresa e
resolver dúbidas co especialista en xestión de ERP Francisco
Montes.